VENDIMA

Os técnicos fixan para o día 20 o inicio da vendima no Ribeiro

A campaña vaise ver afectada polos ataques do mildio nos viñedos, aínda que de xeito desigual e irregular en determinadas zonas da comarca vitivinícola

As tarefas da vendima na Denominación de Orixe Ribeiro, que integra a 35 adegas, 72 colleiteiros e 1.725 viticultores, darán comezo dentro de 15 días a nivel xeral, segundo as previsións dos técnicos do Consello Regulador e atendendo ó  estado actual de maduración das uvas. Deste xeito, a data máis recomendable para o inicio da recolleita sitúase no vindeiro 20 de setembro, "aínda que non se descarta que algunhas adegas poidan abrir antes, se a maduración dos froitos así o aconsella", apuntou o responsable do Consello, Juan Manuel Casares.

O propio Casares presidiu onte en Ribadavia unha xuntanza deste organismo de xestión da Denominación, "na que únicamente foron aprobadas as normas que regularán a vendima deste ano e que implican a viticultores, colleiteiros e adegas do Ribeiro", explicou o presidente. Unha campaña que de novo vaise ver afectada polos ataques do mildio nos viñedos, aínda que de xeito desigual e irregular en determinadas zonas da comarca vitivinícola, "polo que non é posible unha estimación xeral dos posibles danos", indicou Casares.


A campaña vaise ver afectada polo mildiu, que tivo incidencia irregular e desigual en determinadas zonas da denominación


Ó respecto, lembra que no pasado mes de maio xa foron detectados os primeiros brotes de fungos nas vides e, por iste motivo, dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) xa se comunicaron daquela unha serie de recomendacións ás Denominacións de orixe galegas sobre a prevención e tratamento das prantas. Así, os responsables da Denominación non desexan facer previsións sobre a produción de uva na comarca do Ribeiro neste ano, se ben estiman que será superior ós 9,5 millóns de quilos recollidos na campaña  de 2017, unha das máis baixas da última década.


SARAIBA


Neste sentido cabe resaltar a incidencia negativa na producción que tiveron as xeadas  do mes de maio en determinadas zonas das ribeiras do Avia, e tamén, a forte treboada de choiva e saraiba que causou graves danos nos acios a finais de agosto.

Te puede interesar