O RIBEIRO

Os usuarios do pavillón de Ribadavia medraron un 30% en catro anos

RIBADAVIA
photo_camera Un usuario, flanqueado por Ricardo González e Ignacio Gómez.

O goberno de Ignacio Gómez valora como clave o cambio na adxudicataria do servizo do pavillón municipal de deportes

A Concellería de Deportes de Ribadavia destaca un considerable incremento do número de abonados das instalacións deportivas do pavillón “O Consello” e do resto de infraestruturas municipais, segundo sinala o concelleiro, Ricardo González. Desde o ano 2015, cando se tiña rexistrado o número de 663 usuarios, medrou anualmente a un ritmo de entre o 12% e 14%, ata chegar a 31 de decembro de 2018 con 932 abonados, o que supón un aumento do 30% nestes últimos catro anos, sen contabilizar as novas altas rexistradas nos case que tres meses deste 2019, que situarían o número de abonados do servizo municipal de Deportes en preto dun milleiro.

O goberno local detectara unha importante baixada no nivel de abonados e usuarios no ano 2015, no que podían influír numerosos factores, e por iso "pensamos que era necesario buscar unha empresa que ofrecera os servizos que debía ser especializada neste campo", apunta o alcalde, Ignacio Gómez. Así foi como negociaron coa empresa que xestionaba o servizo naquel intre e, en boas formas de mutuo acordo, rescindiuse o contrato existente iniciando un procedemento para a nova contratación dunha adxudicataria que estivera vinculada ao mundo do deporte.

Outro dos factores que puideron axudar a impulsar a mellora deste servizo, segundo engade o alcalde, foi a creación do Consello Municipal de Deportes, no que están integrados todos os grupos políticos, clubs e usuarios, o cal posibilitou acordos como, por exemplo, as axudas vía subvención aos clubs deportivos. 

Outras medidas son as melloras executadas no pavillón municipal como o arranxo da cuberta, a iluminación da pista central, a implementación das actividades dirixidas dentro da oferta do pavillón así como o aumento da oferta de maquinaria e mobiliario deportivo (cintas de carreira, ergómetros, bicicletas estáticas, entre outras) para a práctica das distintas modalidades.

Te puede interesar