servizos

Os veciños urxen solucionar os cortes eléctricos en Francelos

Os veciños da localidade remitiron un escrito ós grupos políticos de Ribadavia, no que mencionan o último corte no subministro eléctrico que se produciu nesta localidade, o pasado 8 de setembro

O grupo municipal Ribeiro en Común desexa que a Corporación amose a súa solidariedade cos veciños da parroquia de Francelos nas súas demandas de mellora da rede de subministro eléctrico. O voceiro desta formación política, Brais Fidalgo, presentou un escrito no que insta ó Concello a "darlle traslado ao Parlamento de Galicia e a tódolos grupos alí representados, desta reivindicación veciñal de Francelos e do apoio municipal". Ademais, Ribeiro en Común solicita que o propio Concello "realice, directa ou indirectamente, unha auditoría técnica da rede e do servizo eléctrico en todo o noso municipio, para darlle traslado á Xunta e ao Goberno do Estado das melloras necesarias".

Os veciños de Francelos remitiron un escrito ós grupos políticos de Ribadavia, no que mencionan o último corte no subministro eléctrico que se produciu nesta localidade, o pasado 8 de setembro, durante máis de sete horas. Pero tamén lembran que son numerosos os cortes de luz todos os anos, e  que se repiten con demasiada frecuencia, chegándose neste ano a dous cortes de máis de oito horas durante o mes de febreiro.

Unha plataforma veciñal de Francelos está a recabar sinaturas nos establecementos da localidade, e xa recolleron máis de 250 ó traverso do portal change.org de internet.

Te puede interesar