INFRAESTRUCTURA

A Xunta cede un inmoble para a sede do Consello Regulador de O Ribeiro

uploaded_bodega_result
photo_camera Marisol Díaz e Ángeles Vázquez cos adegueiros.

Ángeles Vázquez sinalou que esta cesión faise para atender unha demanda do Consello Regulador, desde o que tamén se trasladou a necesidade de fomentar a mobilidade de terras

A Consellería de Medio Rural cede parte do inmoble da Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, co fin de que serva como sede desta entidade. A conselleira, Ángeles Vázquez, formalizou onte esta cesión, coa sinatura do correspondente documento oficial. Son en total algo máis de 700 metros cadrados nas plantas segunda e baixo cuberta deste edificio, situado en pleno centro da capital do Ribeiro.

Ángeles Vázquez confirmaba esta cesión no transcurso da visita que realizou ás adegas Pousadoiro, situada en Castrelo de Miño, e Viña Costeira, en Ribadavia. Na visita estivo tamén presente a delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o presidente do Consello Regulador, Felicísimo Pereira.

Ángeles Vázquez sinalou que esta cesión faise para atender unha demanda do Consello Regulador, desde o que tamén se trasladou a necesidade de fomentar a mobilidade de terras e de xestionar adecuadamente o minifundismo que caracteriza o viñedo galego. Así mesmo, os viticultores e adegueiros solicitaron á conselleira que se reforcen as accións de promoción dos viños do Ribeiro nos diferentes mercados. A titular de Medio Rural comprometeuse a atender estas demandas e, de feito, advertiu que xa se está traballando nestas liñas. 

Tamén lembrou que a Xunta destina na convocatoria de 2017 un total de 27,4 millóns de euros en achegas para apoiar a transformación dos produtos agroalimentarios galegos. 

Te puede interesar