EXPLOTACIÓN MINEIRA

A Xunta retira a concesión para a explotación da Man da Moura

Tres municipios alegaron contra o proxecto de minería, que caducaba no decembro vindeiro

Montes de A Franqueirán, onde estaba prevista a canteira de granito.
Montes de A Franqueirán, onde estaba prevista a canteira de granito.
A Xunta retira a concesión para a explotación da Man da Moura

A concesión da explotación mineira Man da Moura, que estaba prevista en montes da parroquia ribadaviense de A Franqueirán, lindantes cos municipios de Melón e Carballeda de Avia, foi declarada caduca pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, según unha comunicación recibida onte no Concello de Ribadavia. O departamento autonómico dictou esta resolución de caducidade asumindo as alegacións formuladas polos tres municipios e referentes á antigüidade do estudio de impacto medioambiental presentado pola empresa promotora, que data de 1996, e subliñando que ésta non deu os pasos necesarios para iniciar a explotación que tiña concedida dende 1997 e cun prazo de execución de 21 anos.


A empresa promotora non negociou cos propietarios dos terreos, se ben pode presentar alegacións á resolución da Xunta


O obxectivo desta explotación era a extracción de granito nos citados montes, nos que existen xacementos arqueolóxicos delimitados e mananciais que surten de auga ós pobos de Barcia e Ibia, situados no municipio de Melón, elementos que non foron contemplados no impacto ambiental. Ademais, cabe destacar, e así o fai saber  Industria na súa resolución, que a promotora tampouco chegou a negociar un acordo cos propietarios dos terreos nin tampouco solicitou a apertura dun procedemento de expropiación, no prazo concedido pola Xunta e que remataba precisamente no mes de decembro do presente ano. "A actuación conxunta das Administración fixo posible salvar un espazo que debe ser protexido e evitar un impacto tan severo sobre o noso territorio", indicaron dende o Concello de Ribadavia. A resolución de Industria será exposta ó público durante o prazo dun mes para a posible presentación de alegacións.