OUFF ESCOLA

A canteira do cine galego

Ourense. 16-11-2015. Ouff na Escola, entrega de premios. Paz
photo_camera Jesús Vázquez durante a entrega de premios do Ouff Escola 2015.

O certame OUFF Escola do Festival de Cine Internacional de Ourense recibiu nesta edición un total de 119 pezas realizadas por un total de 3.404 estudantes procedentes de toda Galicia. Con el, a Concellería de Cultura, Normalización Lingüística, o OUFF e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia teñen como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.


Nesta edición do OUFF Escola repartiranse 2.600 euros en premios divididos en dúas categorías: unha conxunta de Infantil e Primaria e unha segunda para outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son). En cada unha das dúas, o OUFFescola entregará un primeiro premio de 600 euros para o centro, un segundo premio de 400, e o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión, dotado con 300 euros.


Os encargados e encargadas de escoller os traballos premiados desta edición serán Anxos Fazáns -cineasta-, Déborah Vukusic -actriz-, Simone Saibene -cineasta-, Manoli Maseda -coordinadora provincial das equipas de Normalización e Dinamización Lingüística- e Gregorio Ferreiro -representante de Secretaría Xeral de Política Lingüística-. Os premios entregaranse dentro da programación do 21OUFF, que se desenvolverá do 28 de outubro ao 5 de novembro.

Actividades


Ademais, dentro do marco do OUFFescola, proxectaranse dous filmes de referencia: Fantasía (1940) no 50 aniversario da morte de Walt Disney e Stand by me (Rob Reiner, 1986), aproveitando que hai 30 anos que se estreou o filme. Ambas proxecións estarán plantexadas como “filmes guiados”, xa que un profesional do sector audiovisual acompañará aos rapaces e rapazas para conversar con eles sobre o filme. O actor Rubén Ochandiano será o encargado de levar a cabo esta actividade con Stand by me -para alumnado de secundaria- e o director e realizador Juan Galiñanes acompañará aos nenos e nenas que acudan ao visionado de Fantasia.


Do mesmo xeito, tamén se levarán a cabo tres obradoiros para achegar o audiovisual aos máis novos. Neles os asistentes poderán aprender a proxectar animacións sobre superficies coa técnica do “Videomapping”, a levar a cabo as súas propias creacións en “Stop Motion” ou a realizar diversos xoguetes ópticos (taumatropo, folioscopio…) nun obradoiro de “Xoguetes de Cine”.


O Festival de Cine Internacional de Ourense, nesta nova edición, recibiu 338 longametraxes de case 50 países de todo o mundo. O OUFF deixa de ser un festival de carácter xeralista para convertirse nun Festival no que os filmes a concurso teñen que ter unha natureza moi específica (operas primas ou cine iberoamericano).


Ademais, cabe destacar que todos os filmes seleccionados para a competición oficial (tanto na categoría de operas primas como na sección iberoamericana) son estreas en España que previamente xa pasaron por outros eventos de enorme importancia como Sundance, Berlín, Rotterdam ou Locarno e, neste 2016, decidiron apostar pola nova liña de programación que presenta o Festival de Cine Internacional de Ourense. 

Te puede interesar