Un total de 21 filmes en competición

Ourense. 18-10-2016. Presentación del Festival del Cine.Fran Gayo, Jacobo Sutil, Jesús Vázquez, Rosendo Fernández, Anxo Lorenzo, Belén Iglesias, Mercedes Gallego.  Paz
photo_camera Fran Gayo, Jacobo Sutil, Jesús Vázquez, Rosendo Fernández, Anxo Lorenzo, Belén Iglesias, Mercedes Gallego.

O OUFF contará cun total de 73 proxeccións repartidas nun total de 109 sesións diferentes

Unha nova edición do Festival de Cine Internacional de Ourense comeza hoxe e prolongarase ata o 5 de novembro. Será unha edición especial que estrena moitas novidades. A máis visible delas o seu novo director artístico, Fran Gayo. Na presentación do festival o pasado 18 de outubro, o director artístico do Festival debullou polo miúdo gran parte da programación desta edición, con especial atención  nas dúas competicións da Sección Oficial -Iberoamericana e Óperas Primas-, e na deslocalización do OUFF esta edición, que tamén contará con espazos de proxección en lugares da provincia como Xinzo, Carballiño ou o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Nesta edición son 21 os filmes que conforman as dúas competicións da súa Sección Oficial (12 na  competición Iberoamericana e 11 na competición Óperas Primas). Serán un total de 73 proxeccións repartidas nun total de 109 sesións diferentes. Todos os filmes a concurso se poderán ver en España por primeira vez no marco do Festival.


Entre os datos a destacar desta 21ª edición -que conta cun orzamento total de 198.000euros– atópanse a maior presenza feminina nos postos de dirección dos filmes da Competición de Óperas Primas fronte á masculina (indicando un cambio de tendencia coas novas xeracións), ou o feito de que todas as películas que aspiran aos premios serán estreas en España.


Ademais, tamén desvelou os nomes dos integrantes do xurado que serán:Manu Yáñez, Miriam Reyes e Luis López Carrasco na Competición Iberoamericana, e Maialen Beloki, Felipe Lage e Miguel Valverde na Competición de Óperas Primas.


O Premio Cidade de Ourense do 21º OUFF irá parar a mans do cineasta Oliver Laxe, un dos máximos expoñentes do audiovisual galego na actualidade, que este ano acadou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu traballo en “Mimosas” e hai seis obtivo, con “Todos vós sodes capitáns” o premio FIPRESCI do Festival de Cannes.


Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quixo dar a benvida ao acto animando á cidadanía a gozar das actividades enmarcadas dentro do Festival de Cine xa que “Ourense é cidade de cine, e por suposto a nosa cultura xa non se entende sen o OUFF”.
Jacobo Sutil, director de Agadic, pola súa banda, quixo poñer a mirada no audiovisual galego, destacando a “interconexión audiovisual existente entre Galicia e América Latina” que se visibiliza máis que nunca nesta edición do Festival. Na mesma liña, celebrou unha nova edición para o OUFF Escola”.


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, gabou a selección dos 73 traballos, e falou sobre o abano de posibilidades que co OUFF se lle abre á cidadanía converténdose este evento “nunha oportunidade para gozar do pracer de ver cine”.


Rosendo Fernández fixo fincapé na importancia da unión entre institucións para poder levar a cabo eventos desta magnitude. 

Te puede interesar