Ourense no tempo

OURENSE NO TEMPO

O carrito das leiteiras

Castañeira, leiteira e afiador paragüero son oficios universais, pero que certamente gardan unha estreita relación co noso Ourense

As leiteiras de Soutopenedo, posan diante do seu "carrito". Fotografía cedida por Emilio Blanco.
As leiteiras de Soutopenedo, posan diante do seu "carrito". Fotografía cedida por Emilio Blanco.
O carrito das leiteiras

Castañeira, leiteira e afiador paragüero son oficios universais, pero que certamente gardan unha estreita relación co noso Ourense. Non vou reivindicar a ourensanía exclusiva destas profesións, pero ninguén pode negar que moitos ourensans desempeñáronas dándolle lustre e esplendor aos seus gremios. Hoxe vou recordar a primeira que recordo coñecer, máis que nada porque posiblemente supoña a miña primeira relación co meu pobo de adopción, San Pedro de Moreiras. De alí era Carmen, a primeira leiteira que viña pola miña casa a diario. Algúns da miña xeración e outros maiores que eu, seguro que aínda poden paladear (no recordo) aquel sabor de leite, con nata (de verdade), que as nosas nais coaban para retirar esa “crema” que tiña por encima, e coa que facían doces, galletas, ou simplemente montábana para cun pouco de azucre estendela no pan das merendas, ou quen non tivo un bigote branco logo de beber un bo tazón de leite?, lembradelo?



A verdade é que no 39, practicamente non había nin vacas nin leite, nin caseque de nada na cidade (bó, algo de estraperlo por ahí andaba, pero para eso facían falta cartos…). Logo desa data, aos poucos (iso si, nos pobos próximos á capital) comezou a porse de moda o traballo das leiteiras. Principalmente os pobos de Soutopenedo (San Cibrán), Bentraces, Sobrado do Bispo (Barbadás) e San Pedro de Moreiras (Toén), eran os encargados de fornecer de tan necesario alimento aos veciños da capital.

Despuntando o alba, e pode que antes, a actividade deses pobos era frenética, todos os paisanos tiñan que madrugar, uns para o ordeño, outros para a recollida e as máis coñecidas, as leiteiras, para facer o reparto.

Como en todas as historias do pasado, non se pode xeneralizar, e seguro que cada unha destas mulleres nos podería contar motivos, vivencias e anécdotas moi diferentes; dende a que viña por extrema necesidade, e habitualmente, a vender o leite doutra persoa, co cal os seus beneficios eran ínfimos, ata a que viña caseque castigada polos seus pais pra que se decatase do duro que era gañar o sustento, e así animala pra esforzarse nos estudos.

Por desgracia, o primeiro caso era o máis frecuente, pero de todo había. A sua obriga era baixar no "carrito" o seu prezado tesouro á "cidade", tiñan que estar á súa hora na parada, de non ser así, "O Antelana" enfurruñabase coas que se atrasaban, xa non por el, senón que despois faltaba o tempo para a repartición. Outro día contareivos as reviravoltas dese negocio, sobre todo os máis simpáticos, o “ladeo do cuartíllo”, as visitas á Burga na metade da xornada, tamén coñecido como “o bautizado”, e algún menos hixiénico, que millor esquecer… Certo é que polo que me contan, as ganancias que xeraban tales mañas non eran nada do outro venres, máis poderíase considerar pillería que engano.

Gozade na fotografía do carrito coa súa “ordeada” mercancía no teito; podedes supor que nesas condicións, só facíase o regreso, á ida ían todas as cántaras con moito coidado no interior do vehículo.

Unha cariñosa lembranza para Don Eladio Martinez "O Antelana", que foi o chófer do carrito que tedes na imaxe, e a súa familia.