Ourense no tempo

OURENSE NO TEMPO

Os graxos da Burga

Lembrades ese solar da Burga, descoidado, e polo que sei hoxe en día peligrosísimo? Escondidas entre os matorrales había polo menos duas pozas que terminaban nunha balsa de auga quente

Montaxe de Augusto Pacheco: mendigos ou graxos (Foto propiedade de Augusto Guedes "Pacheco")
Montaxe de Augusto Pacheco: mendigos ou graxos (Foto propiedade de Augusto Guedes "Pacheco")
Os graxos da Burga

É posible que algún non vos destes conta, pero asegúrovos que nos últimos tempos, a contorna das Burgas recuperou unha actividade que desde a miña infancia (aqueles tempos en que as leiteiras facían quendas pra enxugar as súas cántaras) non recordaba. Hoxe non son elas, senón sinxelos ourensans que aproveitan momentos de lecer pra tomar un relaxante baño nestas redescubertas piscinas termais; certo é que entre as xentes que alí estaban, pareceume distinguir acentos de fóra de Galicia, que benvidos sexan. 

Pero o tema de hoxe non é o turismo nin siquera o Ourense termal, senon que é algo moito máis noso: lembrades ese solar descoidado, e polo que sei hoxe en día peligrosísimo?. Escondidas entre os matorrales había polo menos duas pozas que terminaban nunha balsa de auga quente, como pra caerse nela! Estaba recordando as miñas andanzas por ese solar, golferías de infancia, xa que estaba tapiado e ben pechado, aínda que, claro, antes non se coñecía o Parkour, pero saltar un muro de menos de dous metros para un “elemento” de doce ou trece anos era pecata minuta. Como dicía, recordaba as miñas andanzas, cando un cruzamento de ideas trouxo ao meu pensamento unha frase de don Valentín Lamas Carvajal:

“Quedounos tamén os fillos de Ourense, que dito sexa sin anémo de gabarnos,
nin facemos como facían, nin pensamos como pensaban,
a condanada sona de graxos da Burga,
pola que somos lembrados e conecidos nas vilas e aldeas da nosa terriña,
sin xusticia e sin razón para elo, como se ve polo que deixo dito.”

Ao lembralas, díxenme: "Eu fun un graxo dás Burgas"; pero como dicía Don Valentín, nin fago como facían, nin penso como pensaban.

Tería ao redor de 12 ou 13 anos, o meu territorio era a zona das Burgas, con algunha escapada á Alameda. O caso é que unha tempada (penso lembrar que todo un verán), tivemos o noso punto de referencia, e ata unha especie de cabana, no punto medio dá Burga de Arriba e dá Burga de Abaixo. O meu "Casino", era na parte alta das escaleiras de "Calpurnia Abana", e os meus camaradas non eran o "Mouron", "Pachete", "Portela", "Redes", "Carruxo", "Oso", nin o "Cancheiro", aínda que tamén tiñamos alcumes, que non procede recordar; eran Camilo, Manolo, Emilio, Afonso, Antonio, Aser, Juan e algúns mais (que nós tampouco esixiamos patente, nin cota, nin certificado de boa conduta).

O caso é que sen sabelo, dalgún xeito estabamos revivindo unha historia que viña xa do ano 1834, no noso caso, tiñamos a fortuna de dispor de vestimenta para todos os do grupo, polo cal non tiñamos que cambiar a "muda", recordardes que os graxos só tiñan tres mudas para compartir entre os sete; nin tiñamos que coller prestada comida, para non pasar fame; os nosos esforzos destinábanse a buscar novos sistemas de diversión, e realmente atopabámolos, algún día falareivos dos arcos de frechas, cos que conseguiamos lanzamentos de case 100 metros (bó o a lo menos daquelas parecianolo, medidelo vos!, dende o alto das escaleiras de Calpurnia, na rua doutor Marañón. En máis dunha ocasión fixemos que unha frecha pasara por riba do muro do colexio das Xosefinas), ou as pistolas de pinzas, coas que conseguiamos ata acertar nunha diana; ou das carrilanas coas que maltratabamos os nosos tenros corpos, (imaxinarvos tirarse por la rúa desengano, sen casco nin máis protección que a dun pantalón curto e unha camiseta, nunha táboa con catro rodamientos de bólas), ou dos pin ball de gomas e cravos, etc. O maxín daquelas non deixaba de rebulir.