INNOVACIÓN EMPRESARIAL

21 proxectos de emprendedores integran a segunda convocatoria de coworking

Dos 21 proxectos o 65% deles están liderados por mulleres, sendo a media de idade dos participantes de 35 anos

A segunda convocatoria de coworking, que organiza a Deputación de Ourense xunto coa Escola de Organización Industrial (EOI), está integrada por un total de 21 proxectos procedentes de diferentes sectores económicos que foron seleccionados de entre as máis de 30 iniciativas presentadas en materia de Ecommerce, food tech, agro tech, edu-tech, retail moda, servizos turísticos, entre outros.

A presentación desta nova convocatoria tivo lugar no edificio de La Molinera, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar; e por parte do EOI o director do programa, Javier Benito, e o coordinador do programa, Lalo García.

Dos 21 proxectos o 65% deles están liderados por mulleres, sendo a media de idade dos participantes de 35 anos ao ser o máis mozo de 21 anos e de máis de 50 anos o de maior idade. Asemade, cabe sinalar que o 40% dos participantes nesta iniciativa son desempregados.

O “Coworking” é un sistema de traballo corporativo que permite a profesionais e emprendedores compartir un mesmo espazo físico de traballo para levar a cabo seus proxectos profesionais de xeito independente e fomentar tamén a realización de proxectos conxuntos. Os 21 participantes formaranse ao longo de 5 meses no edificio de La Molinera “froito do convenio de cooperación co Concello de Ourense, e estamos convencidos de que esa formación repercutirá de xeito positivo no sector produtivo da nosa provincia”, sinalou Jorge Pumar. Asemade, destacou que tralo éxito da primeira convocatoria “continuamos a traballar nesa mesma liña, a prol de mellorar a empregabilidade da nosa provincia”.

Unha vez rematada cada edición o obxectivo é que os proxectos dos emprendedores que conten con maior probabilidade de éxito se poidan incorporar en “aceleradoras” que cubran a seguinte fase de desenvolvemento dos proxectos.

Te puede interesar