SOCIEDADE

589 mulleres denunciaron ser vítimas do machismo en Ourense durante 2016

En toda Galicia foron 5.583 mulleres as denunciantes, sendo Pontevedra a provincia galega con máis chamadas

Ao longo do ano 2016, un total de 5.683 mulleres denunciaron ser vítimas da violencia machista en Galicia, o que supón un catro por cento máis que as 5.210 do exercicio anterior.

Por provincias, a maior parte (2.210) rexistráronse en Pontevedra, por 2.193 na Coruña. Por detrás, en Lugo foron 691 e en Ourense, 589.

En paralelo ao aumento das denuncias, o informe anual sobre violencia de xénero en Galicia que este mércores presentou á Cámara a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, recolle tamén que 314 mulleres (un 6% do total) renunciaron a continuar o proceso xudicial. A nivel estatal, esta porcentaxe elévase ata o 12 por cento.

Tras remarcar que ningunha do tres mulleres asasinadas na nosa comunidade en 2016 a mans das súas parellas ou exparellas presentara denuncia, deu conta de que a Xunta personouse nun deses casos (no de Santiago non procede, porque o asasino se suicidou; e no de Becerreá, a familia non o autorizou) e que actualmente está presente en 13 xuízos.

Atendendo ao número de vítimas mortais, o descenso interanual en Galicia é de cinco persoas (tendo en conta que en 2015 houbo oito mulleres asasinadas). Por tanto, os labores en Galicia (a sétima comunidade con maior número de casos) representan o 6,8 por cento dos asasinatos machistas rexistrados en toda España.

Te puede interesar