EN OURENSE

60 organizacións defenden a xestión racional do monte

A proposta busca a racionalización do uso dos montes e a prohibición dos cultivos forestais de especies exóticas

O colectivo "Cousas de Raíces" conformado por máis de 60 organizacións impulsa a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais", que prentende modificar de xeito considerable a política forestal galega.

A proposta, tamén coñecida como ILP en contra da eucaliptización de Galicia, "busca a racionalización dos usos do monte e a prohibición dos cultivos forestais de especies exóticas, algunhas delas invasoras", tal e como explicou Zeltia Burgos, da CIG, durante a presentación da ILP, celebrada onte no local do sindicato en Ourense e na que tamén participaron representantes de Adega, Verdegaia, BNG, Esquerda Unida, Fruga e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais.

"En Galicia estánse a repoboar 20.000 hectáreas ó ano con eucaliptos", sinalou Burgos. "O Eucalyptus nitens, que destaca por aguantar as xeadas, é cada vez máis frecuente na zona de Ourense. Entre os principais problemas que pode xerar esta especie destacan a penalización do valor, os custes de traslado e a dificultade de extracción. Por tanto, pode que en 10 anos teñamos que pagar porque nos quiten o eucalipto", precisou Zeltia Burgos, que engadiu que "esto parécenos unha ruina económica, ecolóxica e social".

Resaltaron especialmente, "que a Xunta de Galicia, no ano 2009 coa chegada do PP ó poder, reduciu salvaxemente as distancias de seguridade das plantacións con respecto os núcleos, as estradas, os ríos..." . Por este motivo, dende a CIG aproveitaron para subliñar que "xa vimos o que pasou no mes de outubro cos incendios e non nos podemos quedar parados".

A ILP non pretende ser só unha crítica, senón que tamén propón alternativas. "Entre elas, a primeira debe ser a aposta clara por parte do Goberno de protexer ó rural e as actividades agrarias e gandeiras tradicionais", apuntou Burgos.

O colectivo "Cousas de Raíces" xa está a recoller sinaturas na cidade e nas vilas coa intención "de duplicar no mes de marzo as 15.000 neceasrias para o debate da ILP", declarou Zeltia Burgos. 

Te puede interesar