ENTREVISTA VIDA

Alejandro Vázquez, vento metal coma banda sonora

31.07.15.OCELANOVA.CLAUSTRO.PORTADA.VIDA.ALEX.HERCULES.BRASS.
photo_camera Alejandro Vázquez, junto al resto de componentes del Hércules Brass. (MARCOS ATRIO)

Comezou na música cunha promesa infantil, que acabou derivando nunha paixón que o levou a formar parte de diferentes bandas ata ser membro do quinteto de metais Hércules Brass

Alejandro Vázquez confesa que comenzou no mundo da música cunha promesa por puro interese infantil. Pero esa promesa derivou nunha paixón que o levou  a formar parte de diferentes agrupacións ata que, hoxe en día, ser membro do quinteto de metais Hércules Brass que levan a cabo actuacións e espectáculos temáticos por toda a xeografía. A próxima cita da formación, en Celanova, na semana do 4 ao 8 no II Festival Hércules Brass.

Desvélenos como foron os seus comenzos no eido da música?
Aos 7 anos tras unha promesa que tiven  co meu tío Eligio, que era trombonista. El mercábame un avión de xoguete nas festas das Marabillas si me facía ¨músico¨, e a cousa foi rápida, eu trouxen o avión para a casa e ao día seguinte  xa tiña tamén unha trompeta e comecei a recibir con el as primeiras leccións de solfexo. Dende esas e ata o día de hoxe sempre contei coa miña familia que me motivou e me axudou en todo.

Actualmente forma parte do quinteto Hércules Brass, como deu comenzo? 
Xurdiu no ano 2012 co obxectivo de presentarnos a un concurso internacional. Tras o bo resultado e as nosas boas vibracións, dende aquela non deixamos de ensaiar e prepararnos como grupo, co gallo de ser nun futuro un quinteto de metal de referencia nacional e internacional. 

Dentro da formación levan a cabo varios espectáculos dirixidos especialmente aos cativos, a que se debe esta proposta? 
Son os nosos espectáculos didácticos cos que queremos achegar aos máis novos os instrumentos de vento metal. "Os Superhércules" é unha historia fantástica para transmitir e familiarizarse con conceptos musicais como a melodía, o ritmo e a harmonía e "A historia dun quinteto triste e a bruxa anónima" é unha viaxe musical coa que traballamos a autoestima dos rapaces e a ilusión. Nos dous espectáculos os rapaces encontran un concerto moi ameno cunha gran dose de animación e humor.

É difícil chegar ao público coa súa música? 
Que va! Os nosos concertos van dirixidos ao público en xeral, con calquera tipo de coñecemento musical. O repertorio abarca diversos estilos dende o Renacemento ata o Swing, resultando moi ameno e doado de escoitar. Animo dende aquí a que toda a xente se pase a escoitarnos o mércores 5 de agosto ás 20, 30 horas  no Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova.

E xa que nos poñemos en situación, na vindeira semana da comenzo o II Festival Hércules en Celanova, como xurdiu este evento?
A idea xurdiu paralelamente entre Hércules Brass e o Concello de Celanova. Queríamos organizar un festival de música de cámara á imaxe doutros encontros que se fan noutros lugares de España e Europa onde tivemos a oportunidade de participar, dando moita importancia á calidade dos músicos. Ademais, Celanova é unha vila ideal para este tipo de eventos pola súa xente,  infraestruturas e pola fantástica programación cultural nas diversas parcelas como as artes plásticas, a literaria e a audiovisual.

Que pretenden co Festival? 
Converterse no mellor escaparate da música de vento-metal dentro do panorama artístico galego, ofrecendo unha ensinanza de carácter profesional, proporcionada por mestres e intérpretes de gran recoñecemento  e tamén ofertar concertos de un alto nivel artístico-musical.

Esta é a segunda edición, cal foi o balance do pasado ano e con que perspectivas se presenta esta?
O ano pasado tivemos un balance moi positivo, e nesta edición esperamos que se cumpran todas as nosas expectativas, no curso xa contamos con máis de medio centenar de alumnos chegados de diversos lugares de España e esperamos que nos  concertos poidamos colleitar o mesmo éxito de crítica e público que na primeira edición. 

Te puede interesar