entrevista

Alfredo Conde: "Ourense é a illa cultural da Galicia adormecida"

Manuel Baltar e Alfredo Conde reunironse na Deputación.
photo_camera Manuel Baltar e Alfredo Conde reunironse na Deputación.

Alfredo Conde coñeceu nunha reunión con Manuel Baltar que a Deputación de Ourense quere declaralo como Fillo Predilecto da Provincia.

Pasa o día escribindo e ás véces rómpenselle as rutinas. "Non teño outra cousa que facer", bromea. Onte foi un deses días diferentes. Alfredo Conde coñeceu nunha reunión con Manuel Baltar que a Deputación de Ourense quere declaralo como Fillo Predilecto da Provincia. O escritor alaricano, colaborador nas páxinas de Opinión de La Región, ten no seu currículo recoñecementos nacionais e a súa obra lese en chino ou en ruso. Pero... "isto é outra cousa, este recoñecemento é máis", di.

Algunha vez dixo que cada premio o recibe coma se fose o primeiro. Este supón a mesma alegría?

Non, pero este é máis. Isto é outra cousa. Afecta moito máis aos afectos. Pásame en Ourense, que é onde eu nacín. E, ademais, no Ourense actual que é unha especie de illa cultural nunha Galicia onde iso está moi adormecido. Pero en Ourense non. En Ourense hai moita preocupación polo tema da cultura, así que me afecta moito. Dame moita satisfación o recoñecemento e, por que non dicilo? Cona! Emocióname moito. Son coma un rapaz con zapatos novos. 

Veo coma unha reconciliación co mundo da cultura ourensá.

Eu non necesito reconciliarme coa xente da cultura. Nunca deixei de estar conciliado con eles. Houbo sectores culturais que discreparon con algunha das miñas actitudes, como eu discrepei delas. Pero non implica que ninguén se teña que reconciliar. A tarefa é común, uns dun xeito e outros doutro, estamos no mesmo camiño. Ás veces somos galegos e non nos entendemos, pero iso é unha desculpa que eu non teño por que utilizar.

Que valora do que se está facendo Ourense culturalmente? Hai iniciativas suficientes?

Iniciativas suficientes en cultura nunca as hai. O que hai en Ourense véxoo desde Santiago cunha perspectiva distinta, moito máis ampla, aínda que veño moito a Ourense. O que se ve é unha actitude que xa tiña Baltar pai e a ten Baltar fillo. Nótase en cantidade de actividades e actitudes, e coa xente coa que se rodea.

Cando leremos a súa próxima novela?

Será con Galaxia, en principio para maio, pero non sei se dará tempo. É unha historia sobre catro irlandeses que viñeron remando ata A Coruña facendo o camiño de Santiago.

Vaia coincidencia co Xacobeo 2021.

Xa, de feito non foi idea miña a novela. Pedíronme que a escribise por se despois se pode sacar un guión cinematográfico. Pero é moi difícil. 

Te puede interesar