CERTAME

O allaricense Carlos da Aira gaña o Cidade de Ourense cunha poesía de “protesta"

SSpresentacion_plaquette_corpo_a_corpo-amarante
photo_camera Carlos da Aira.

Gañou a 34ª edición deste certame con "Prender os fachos, compoñer os ósos", no que fala do problema do despoboamento

O xurado do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que organiza o Concello, seleccionou onte como obra gañadora da súa 34ª edición  á obra "Prender os fachos, compoñer os ósos", do allaricense Carlos da Aira. 

Este galardón está dotado con 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, do cal o xurado destacou un discurso literario "despoxado de artificialismos" e unha riqueza léxica "con belas metáforas e un interesante vocabulario". 

A obra valeuse da poderosa suxestiçon da palabra, para transmitir a súa mensaxe, de "denuncia", pero tamén de "insinuación". 

Carlos da Aira (Elgoibar, 1972) manifestou onte a súa "sorpresa" por ter recibido este galardón, por unha obra de "rabia, denuncia e diría case que violencia poética". O nivel de protesta  que trata é "moi grande", xa que nesta poesía aborda o tema do despoboamento no rural galego, algo que coñece moi de preto, ya que con apenas nove anos de idade volveu á aldea de Nanín (Allariz), desde a Euskadi da emigración na que naceu. 

Aínda que coa obra poética gañadora quería facer "unha homenaxe á vida da aldea", converteuse en parte nunha "denuncia" do que está a acontecer. 

Así, o autor allaricense fala sobre a "perda de identidade de Galiza" e tamén do "autoodio", para reivindicar a necesidade de "sentirse digno na aldea, e sentir a dingnidade da lingua galega". 

Cree que o devandito "autoodio" é "evidente", ao igual que o despoboamento, do que culpabiliza a "políticas concretas" e a certas ideoloxías "con tendencias dos gañadores da guerra civil".

Te puede interesar