ENTREVISTA / VIDA

Antía Otero, o lado máis solidario da comunicación

Ourense. 27-08-15. Vida. Portada do vida a Antía.
foto: Xesús Fariñas
photo_camera Antía Otero García.

Recén chegada de Marrocos dunhas prácticas do Seminario Social e Cooperación Internacional, trae consigo un feixe de novas experiencias e o descubrimento dun mundo

As desigualdades sociais espertaron en Antía Otero a súa faceta máis solidaria no eido da comunicación. Recén chegada de Marrocos dunhas prácticas do Seminario Social e Cooperación Internacional, trae consigo un feixe de novas experiencias e o descubrimento dun mundo que a sorprendeu e que non fixo máis que confirmar que, a labor das comunicadoras deben adquirir un papel activo nas loitas sociais e implicarse ao máximo.

Como deu comenzo o seu interese máis profundo pola labor solidaria? 
Creo que as enormes desigualdades sociais, consolidadas aínda máis nos últimos anos, non deixan outra opción que sermos conscientes delas, tomar partido e actuar. Para min a participación activa é unha chave elemental para tratarmos de mellorar a situación. Un erro no que caemos moito é entender esas melloras potenciais coma alleas a nós.

Que a leva a unha a interesarse polo xornalismo social?
Penso que a implicación nas loitas sociais é algo que nos compete a todas, aínda máis se o teu campo é o da comunicación. As comunicadoras somos unha das ferramentas que ten a sociedade para coñecer o que está pasando na Terra, ó que cómpre sumarlle o poder de difusión. Na nosa man está contribuír a visibilizar tanto as inxustizas e responsabilidades das mesmas coma as reaccións do pobo. Desafortunadamente, este eido non ten o seu espazo nos plans de estudos das facultades de Comunicación e as estudantes interesadas temos que botar man de medios propios.

Acaba de chegar de Marrocos como recompensa por participar no “V Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional organizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e a Asamblea de Cooperación pola Paz", contenos, a grandes rasgos, como foi esa experiencia.
Efectivamente, o seminario contaba cunha parte práctica que consistía nunha viaxe para podermos pór en práctica os coñecementos adquiridos ao longo do curso. Tiven a oportunidade de participar xunto a dúas compañeiras do seminario, Tamara Novoa e Paula Vázquez, e a nosa coordinadora Carmen Novas (Agareso). Estivemos oito días coñecendo distintos proxectos para o desenvolvemento do norte de Marrocos. Contamos coa asistencia de Alicia Fernández (ACPP), que nos facilitou o contacto coas distintas asociacións. Coñecemos cooperativas de agricultores, centros de mulleres autoxestionados, campamentos xuvenís para familias con poucos recursos… pero, sobre todo, coñecemos persoas que nos mostraron as súas realidades.

Que foi o que máis a sorprendeu?
Chamoume especialmente a atención a proximidade no trato coas mulleres que coñecín. Un prexuízo que levaba comigo da casa era que procuraban manter as distancias con xente descoñecida, pero non era tal: abríronnos as súas casas, ofrecéronnos de xantar e contáronnos as súas historias.

Algunha anécdota para lembrar?
Hai unha tradición que se practica nunha zona do rural de Oujda que me parece especialmente curiosa. Nesta localidade rifeña hai unha gruta con auga e conta a lenda que as mulleres que aló van lavar as mans atopan marido. Disque aquelas que se achegan a estas augas casan en pouco tempo. Porén, tal e como nos dixo un amigo da zona, lonxe de fontes milagreiras, a explicación radica en que estas mozas adoitan vivir en pequenas aldeas do disperso rural marroquí, das que en rara ocasión saen. Ir ata a gruta supón quedar expostas ante os ollos de mozos que as ven e se interesan por elas. 

Que conclusións tira da experiencia?
 Traio moitas historias emprestadas e moitas gañas de contalas. Esta viaxe axudoume a reforzar a idea de que as comunicadoras debemos adquirir un papel activo nas loitas sociais. Mais non só nos países do Sur, aquí tamén necesitamos dun xornalismo comprometido que tome partido, visibilice e denuncie.

Te puede interesar