TELEVISIÓN

Anxo Quintana: “O Estado ten dous problemas, Cataluña e Euskadi, non quere un terceiro"

photo_camera false

O ex vicepresidente da Xunta repasou a súa traxectoria e o momento político en "Sesión Abierta", pedindo unha reformulación do nacionalismo: "Para gañar a maioría, tes que recoñecer matices"

O ex vicepresidente da Xunta e antigo líder do BNG, Anxo Quintana, foi o protagonista do terceiro capítulo de "Sesión Abierta", o programa de Telemiño que xa contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Xa liberado de calquera militancia política, Quintana respondeu ás preguntas dos espectadores, do presentador, Santiago Rodríguez,  e dos directores de La Región, Xosé Pastoriza; Atlántico Diario, Julio Rodríguez; e Mundiario, José Luis Gómez.

Repasou, por exemplo, a súa traxectoria como alcalde de Allariz, un concello que se convertiu nun símbolo das políticas nacionalistas. "Fíxose por compromiso, era necesario, foi unha ruptura, intentar plasmar as nosas ideas en feitos e proxectos. Quérome considerar un paridor de ideas, unha persoa que intenta que se convirtan en proxectos e estes en realidades, é a forma que me sigue guiando", destacou.

Non foi, a súa etapa como rexedor a que centrou a maior parte da entrevista, enfocada en coñecer a súa nova etapa tras deixar hai un ano a militancia do BNG e a política, que asegura ter deixado atrás. "Non me vexo na política, interésame, manteño as ideas e cabréome como calquera outro cidadán, pero teño reconducida a miña vida noutros avatares, estou satisfeito, non se me pasa pola cabeza volver", aseguró tras ser cuestionado, por exemplo, sobre se sucumbiría ó canto de serea da Marea.

O alaricano explicou "as dúas razóns" polas que decidiu deixar nun primeiro momento a portavocía do BNG e despois rachar co partido. "Abandono a portavocía porque se producen unhas eleccións nas que perdemos 30.000 votos e a maioría alternativa. Non me sinto culpable, pero si responsable, polo que actuei en consecuencia, xa que ademáis había moita xente no BNG que non quería que seguise á fronte. Se me empecinaba en seguir, pensaba que o BNG deixar o partido cando me dou conta de que non son útil e non me queren utilizar, así como por estar en desacordo coa liña estratéxica democráticamente aprobada pola militancia", comentou.

No posicionamento ideolóxico afondou o protagonista do programa, que falou dos movementos que impulsou para dar un xiro ao BNG e achegalo a un espectro máis amplo da sociedade galega, o que lle causou problemas internos dentro de organización.

"O problema é que o nacionalismo galego se crea ao redor dunha cultura de combate, que non admite matices. Tivo unha xustificación, xa que en este país ninguén esperaba un nacionalismo e había que porse nesas claves. Pero para gañar a maioría social, tes que recoñecer que a sociedade ten máis matices, ostentar o poder significa aceptalos. É o paso que o nacionalismo non deu", afirmou.

En relación con isto, abordouse o seu achegamento ao sector empresarial durante a súa etapa como vicepresidente da Xunta, algo que como recoñece, pasoulle factura no partido. "Foi en parte por culpa miña, quería ir moi rápido e as cousas precisan do seu tempo. Non podíamos ir expropiando as multinacionais, precisábamos a complicidade do capital do país, que vira un instrumento político e iso desde a cultura política precisa do seu tempo, quizais intentei ir demasiado rápido e non dediquei todo o tempo que precisaba á xente da organización", reflexionou.

Foi unha foto cun empresario nun barco a que dinamitou a campaña das eleccións autonómicas de 2009, uns comicios que devolveron ao PP o Goberno galego por un deputado que escapou do BNG, algo que Quintana non olvida. "Foi un elemento máis dunha campaña que merece ser estudada, a primeira vez que se utilizou o derribo persoal do contrincante como parte da campaña, a partir de aí se creou unha escola, as campañas cambiaron totalmente", dixo o convidado, que foi cuestionado sobre unha foto de Mariano Rajoy no barco dun narcotraficante, sin consecuencias: "El tiña poder, eu non".

A súa saída do poder supuxo o regreso do PP, con Alberto Núñez Feijóo ao frente, co que tirou de ironía: "Temos un presidente con sorte. Propón a fusión das caixas e o resultado é que non hai nada e non pasa nada, hai que sabelo facer". Máis duro se amosou coas súas políticas. "En política pode haber cousas boas e malas, pero o que non poder haber é sectarismo, o que fixo o PP cando chegou ao goberno, tumbou cousas só porque o fixemos nós, iso é tremendamente malo", engadiu.

Equivocación moi grave

O abrazo de parte do nacionalismo a forzas estatais como Podemos ou Esquerda Unida foi valorada moi negativamente para os intereses de Galiza. Quintana está convencido de que o futuro ten que ser decidido polos galegos, polo que non comparte o movemento de xente como o seu antecesor no liderado do BNG, Xosé Manuel Beiras.

"Paréceme unha equivocación política moi grave. Penso, sen embargo, que é unha demostración de que existe campo político para o nacionalismo en Galicia, pero hai xente que sucumbiu ante a dinámica no Estado de polarización", destacou Quintana, que ve certo paralelismo entre o movemento que abandera Podemos e o que fixo no seu momento o nacionalismo galego: "O BNG xa foi Podemos, esa forza que a xente vota porque está indignada. Que sucede? Eses proxectos nunca chegan ao 20% do electorado. O de Podemos sei como acabará, na socialdemocracia ou desaparecendo. Unha vez que a indignación se desbota, hai que evolucionar, como fixo, por exemplo, Pepe Múgica".

Nesa liña, defende que ao Goberno do Estado nunca lle importarán as peculariedades de Galicia, poñendo como exemplo a frustrada operación para mercar Fenosa durante o bipartito. "Se non foi adiante, é porque éramos Galicia e íamos cambiar a estrutura económica. O Estado non ía permitilo porque detrás ven unha estructura política e considera que ten dous problemas, Euskadi e Cataluña, e non quere o terceiro. É materialmente imposible lexislar para todo o Estado e que Galicia saia beneficiada, terían que cometer unha discriminación co resto", sentenciou.

En clave máis local, preguntado sobre se o Concello de Ourense afirmou que a cidade podería sufrir unha transformación como a que tivo Allariz, Quintana é rotundo: " Ten un potencial inmenso por explotar, o que falta é que un goberno municipal entenda que a capacidade de intervención non remata nos límites, o gran reto é construir o 'Gran Ourense". 

Te puede interesar