ENTREVISTA | VIDA

Ao rítmico son do adufe

adufeiras3_result

Explorar, analizar e estudar a música popular foron os alicerces que sentaron as bases de Adufeiras de Salitre que, o día 4 de marzo, fan parada no Auditorio de Ourense para amosar o que mellor saben facer: música galega sen fronteiras.

Explorar, analizar e estudar a música popular foron os alicerces que sentaron as bases de Adufeiras de Salitre (parte dos compoñentes con raíces ourensáns, como Patricia Gamallo, de Laroá, Xinzo, e responsable de poñer voz á entrevista) que, xunto a Xabier Díaz conforman un támdem que aposta pola nosa sonoridade e que lles ten levado a acadar recoñecementos e participar en concertos a nivel internacional. Agora, o día 4 de marzo, fan parada no Auditorio de Ourense para amosar o que mellor saben facer: música galega sen fronteiras.

Como foron os inicios das Adufeiras?

O proxecto nace a raíz das aulas de Xabier Díaz en Compostela, Narón, e A Coruña entre os anos 2011-2013, estas diferentes Escolas de Salitre, ás que asiste alumnado e profesorado interesado no perfeccionamento da percusión de man e o canto tradicional galego, constitúen espazos nos que se van compartindo procesos de ensino-aprendizaxe diferentes coa pandeireta, pandeiro cadrado e pandeira a partir de fonte diversas do propio mestre como excelente cantor, compositor, investigador e compilador e nos que asemade, se van xerando ideas e reflexións arredor da calidade e posta en valor destes instrumentos. 

A necesidade de análise do seu tratamento na actualidade por parte de diferentes axentes da música popular, a necesidade do estudo profundo e aprendizaxe de diferentes técnicas, revisando, explorando e construíndo posibilidades e matices sonoros, ou a necesidade da mellora na sonorización, constituíron algúns dos piares do proxecto. 

E foi a partires de eí cando xurdiu a unión con Xabier Díaz...

Si. Este primeiro proceso de formación inicial conflúe nun grupo único, o da Coruña, ao que asisten 11 alumnas das diferentes escolas. De xeito progresivo, as aulas van mudando en ensaios coa esixencia, constancia e implicación de todos os membros do proxecto, coordinados polo facer impecable, incansable, esixente, sensible e esencial de Xabier, chegan entón Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico) e vaise construíndo, aos poucos, durante case dous anos, nun proceso de traballo inxente e ilusionado o que finalmente chegou a ser o "Tambourine Man". 

foto4_resultCurioso nome o de Adufeiras de Salitre...

As adufeiras son as tanxedoras do pandeiro cadrado ou adufe, unha verba que vén do árabe clásico "duff" e que chegou aquí a través do árabe andalusí entre os séculos VIII e XII como al-duff. Xa andando o tempo, no século XIII, salientamos unha das cantigas de amigo do xograr galego Martin de Ginzo na que se menciona o instrumento. Se marchamos a outros lugares como Irán, Kurdistán, Turquía, Irlanda, a India ou Italia atoparemos outros tambores de marco formando parte dunha extensísima familia case, universal. 

Contamos cun amplo repertorio anecdótico sobre as variantes do nome Adufeiras que aparecen nos cartaces ou presentacións, erros creativos que nos fan rir de cando en vez no “arrecife”. Mais, en definitiva o nome é o reflexo da construción dun proxecto que pon en valor e tenta dignificar o adufe dende a ollada da fonda raíz, dunha tradición oral viva e en permanente transformación dende o noso século.

Como teñen sido estes últimos anos de traxectoria “adufeira"? 

O convivio e o traballo veñen sendo intensos neste primeiro ano de xira que celebramos o pasado xaneiro co concerto da Sala Capitol. Compartimos kilómetros e escenarios en diferentes lugares dentro e fóra do país. Atopamos algúns azos e sorpresas polo camiño 2016, xa que o "Tambourine Man" foi elixido “Mellor Álbum en Galego” nos Premios da Música Independente, Premio Martín Códax da Música Galega ao “Mellor Álbum de Música Tradicional” e conseguiu manterse nos cinco primeiros postos da listaxe da World Music Charts Europe durante os meses de febreiro e marzo. Con todo, sen dúbida os mellores premios van dentro de nós, en todos os procesos compartidos no día a día, no traballo permanente e no desfrute como amantes incansables da beleza das músicas de raíz e do noso patrimonio inmaterial. 

Seguimos este novo ano de xira polo país e polo mundo adiante, compaxinando coa mellora individual e colectiva permanente nos ensaios habituais cheíños de doce, de moito doce, e proxectando novas andainas...

adufeiras1_resultQue supón para vós tocar en escenarios alén das nosas fronteiras?

Tocar en lugares como o Royal Concert Hall (Glasgow), un dos auditorios senlleiros de Europa, nun festival cuns trinta anos de historia e de pulo polas folk music ou no Womex 2016 (World Music Expo) supoñen experiencias enriquecedoras para recoñecernos nas diferenzas e nos puntos en común con outras músicas. Alén das nosas fronteiras, atopámonos propias, en galego, e en diálogo con outras músicas doutras latitudes, voando dende a raíz, alén das nosas fronteiras, porque a música non as ten, aquí no país tampouco, por iso cumpriría, se cadra, comezar a levantar os marcos. 

O certo é que cada concerto, onde queira que for é especial e único e é posible grazas a toda a xente que vén os concertos, que se identifica, que escoita, que desfruta, que danza, que canta,  e resposta con cada ollada. O sábado 4 de marzo estaremos encantadas de estar no Auditorio de Ourense compartindo estas músicas do "Tambourine Man" de Xabier Díaz, os Irmáns Álvarez e as Adufeiras de Salitre con toda a xente benquerida. 

Te puede interesar