ARTE ET ALIA

Arrecende a Belén

SDS_result
photo_camera O misterio esencial de Nadal, de Maite Vázquez.

Arrecende a Nadal, e o seu aroma percorre o val do Miño do vello Ourense ata o novo. Arrecende a Belén na nosa cidade, malia a morte do eterno Baltar estes días. O seu belén permanente, musealizado en dous edificios dende 2010 na Praza dos santos Cosme e Damián, cos seus ‘retablos das marabillas’, superarán por décadas a súa idade. A súa peculiar posta en escena, recreando o entorno de Ourense e senlleiros monumentos provinciais dende a súa vocación artística, e coñecidos seus, xa desaparecidos, entre a iconografía sacra, son emanación da súa personalidade peculiar, e carácter, que tan ben coñecía, e da que escribiu o seu amigo Segundo Alvarado ata comezos de 2007, en que faleceu, como Jaime Quessada, quen lle policromara as primeiras trece figuras... Ben distintos son concursos desta temática, levando o premio do ano o escaparate da botica de Cristina Martínez, no extremo oeste do Couto.

A manifestación do carácter da cidade no tempo de Nadal débelle o seu á xente como Jerónimo de Vicente, e o seu entorno. Coas pezas que foi cocendo para o seu Belén familiar, variándoo cada ano, e cos fondos pintados por el en papel, técnicas que lle aprenderon na Escola de Artes e Oficios, a igual que o propio Baltar, aínda que o de Jero é distinto, que ademais de comezar anos antes  nunca perdeu de vista a súa orixe relixiosa fondamente sentida, e o ciclo litúrxico ata as Candeas. Con Armando Prada, Cándida Bravo e outros estenderon coa Asociación Belenista o espírito, espallándoo en congresos e unha revista, na que estaba detrás Alfonso Prada, editor amigo morto neste ano... E con eles Maite Vázquez, coas súas plumiñas, e pezas cerámicas. Ela foi desenvolvendo o Belén da Catedral, co apoio e presenza do cóengo e fabriqueiro Miguel A. González, e na capela de San Lucas, protexida por fortes reixas renacentistas da autoría de Celma que presiden as tres Virtudes colocaba ate este ano a artista/artesá as repoludas figuras e  policromadas con meixelas cheas de cor e candor popular, as veces con espléndidas dalmáticas e relicarios de prata, conformando un rico conxunto de arte diante dun retablo manierista do  XVII. E como desta volta xa non é posible, que aquí colocouse o Misterio e os Magos, en repulidas pezas standard, fun a velo á casa de Maite, e a artista desembaloumo, Xosé, María e o neno no seu berce con frores, e os tres cos brazos e as mans abertas para dar apertas... Alí quedou co gaiteiro, e a súa gaita dun roncón, que toca unha melodía distinta á doutras partes...As luces fan debuxos no ar das rúas, como en tantas outras vilas e cidades galegas. Nada que ver coas das vidreiras da capela maior dos Franciscanos, imaxes que penetran en nós coa luz esencial, lonxe de GasNatural. En Ourense, ou na Coruña, Sevilla ou Segovia, as iluminacións aseméllanse no externo e o aparentar, batendo co local: este é e será o carácter dunha terra de seu. 

Te puede interesar