CONCELLO DE OURENSE

Os asuntos tratados na xunta de goberno

O total de financiamento ascende aos 6 millóns de euros, que deberán sumarse aos algo máis de 4 millóns que xa contempla o Orzamento 2014, tal e como afirmou o regidor ourensano

Avogacía consistorial. Deuse conta de 8 resolucións: 5 sentenzas, 2 autos e 1 acordo acerca de diferentes asuntos nos que participa este Concello:

Unha sentenza do Xulgado contencioso administrativo num. 2, que recoñece o dereito dun veciño, propietario dun inmoble no Casco Vello a percibir unha indemnización de 1.210 euros por danos causados por filtracións do terreo lindeiro. Tamén condena o Concello a tomar as medias oportunas para que as filtracións non se volvan producir.

Unha sentenza do xulgado contencioso administrativo num. 1 nunha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por un veciño por danos sufridos por unha caída na Avenida das Caldas á altura da praza de abastos en febreiro de 2014. O veciño reclamaba unha indemnización de 23.521,36 euros, e o xulgado recoñécelle o dereito a recibir unha indemnización, mais de 3.000 euros máis o IPC.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima o recurso dunha veciña que solicitaba unha contía maior pola expropiación do edificio sito na Praza de San Martiño onde estaba a sé da Policía Local e actualmente acolle as dependencias das Concellerías de Xuventude, Voluntariado, Comercio, Participación Cidadá, Turismo, Termalismo e Medio Ambiente. O custe fixado polo Xurado de Expropiación e pagado polo Concello é 579.652,50 euros. A particular recorreu a resolución do Xurado de Expropiación e reclamaba case o dobre; 1.033.158,71 euros, pero o Tribunal desestima esta reclamación.

Unha sentenza do Xulgado Contencioso-administrativo número 2 desestima o recurso dun particular e confirma o acordo da Xunta de Goberno Local que denegou a existencia dun camiño público poio que se accede a unha finca da súa propiedade en Santa Cruz de Arrabaldo.

Unha sentenza do xulgado de primeira instancia num. 5 de Ourense que estima a demanda dunha promotora e declara a titularidade privada dun camiño nunha finca da súa propiedade.

Unha rectificación de erro nun acordo da Xunta de Goberno Local, unicamente no sentido de comunicarlle ao Servizo de Comercio unha sentenza favorable ao Concello, que desestimaba a reclamación dun hostaleiro que pretendía que se lle autorizasen máis dos 13 veladores que tiña autorizados.

Finalmente, dous autos do Tribunal Supremo que, na liña doutros anteriores xa expostos en xunta de goberno, declaran a inadmisión de recursos de casación presentados pola Xunta de Galicia e o Concello contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou a ordenación provisional.

Servizo de Licenzas Urbanísticas e Disciplina. A xunta de goberno concedeu un total de 9 licenzas para rehabilitación ou reforma integral ou parcial de diferentes casas e inmobles da cidade. Concedéronse tamén dúas aperturas por actuación comunicada: unha xoiería no C.C. Ponte Vella e unha tenda 24 horas para a Avda. Das Caldas. En materia de Disciplina, dous expedientes sancionadores, de 150 euros cada un, por colocación ilegal de cartelería en Francisco de Moure e na confluencia das rúas Remedios e Velázquez.

Servizo de Patrimonio. Deuse conta dunha rectificación de erros dun acordo da pasada semana relativo a unha reclamación por responsabilidade patrimonial, e pola que se recoñece unha indemnización de 121.266,23 euros a favor de dúas particulares. Trátase dun erro na redacción que quedou subsanado, quedando igual o fondo do asunto.

Servizo de Infraestruturas. Abordouse o pago dunha indemnización por xuros acordados por sentenza xudicial. Estamos a falar de 9,516,66 euros a favor dunha UTE nun tema relacionado cos accesos a Carrefour: “unha discrepancia por demoras no pago das certificacións”, aclaraba o alcalde.

Contratación. Un par de expedientes: Por un lado a aprobación do expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o aluguer dos equipos de son, iluminación, vídeo e elementos auxiliares para a realización dos concertos das Festas de Ourense. Falamos dun importe total de 58.000 euros repartidos en catro lotes: Praza Maior, 30.000 euros; Xardín do Posío, 11.00 euros; Praza do Ferro, 11.000 euros; e praza de San Martiño, 10.000 euros.

O segundo expediente ten que ver co cámping de Untes. Declárase a caducidade do expediente de resolución do contrato asinado polo Concello de Ourense para a concesión da xestión do servizo publico de conservación, mantemento e explotación do cámping de Untes e iníciase un novo procedemento para a Resolución do contrato asinado polo Concello de Ourense o 15 de maio de 2009 polo que se adxudicou a concesión da xestión do servizo publico de conservación, mantemento e explotación do cámping de Untes, e que vincula a este con Aspanas Termal S.L.U.(como cesionaria de Amencer Reciclado SLU, que foi a adxudicataria orixinal) incorporando como antecedentes do actual expediente, os tramites do procedemento caducado.

“Neste sentido, non propoñemos a incautación da fianza prestada neste contrato por importe de 6.000 euros, condicionándose en todo caso a súa devolución a inexistencia de danos e prexuízos que deban ser indemnizados pola concesionaria, para o que se abrirá procedemento autónomo no seu caso”, comentaba Vázquez Abad. Advírteselles expresamente da obriga que lles corresponde de non vender allear, ou gravar os bens afectos a concesión coas advertencias legais oportunas en caso de incumprimento.

Cultura. Aprobáronse as bases de tres concursos. Por unha banda, os do III Maratón de Fotografía de Ourense 2017, para o que se destina unha cantidade de 2.200 euros -houbo 174 participantes en 2016-, e do III Concurso de Pintura Rápida de Ourense (57 inscritos en 2016), con 2.500 euros de orzamento.

Pola outra, o do concurso para o deseño do cartel das festas de Ourense, para o que se aproba unha cantidade de 1.000 euros.

Educación. Aprobáronse a convocatoria e bases para a selección de proxectos formativos para a Universidade Popular de Ourense 2017/18. “Cada ano”, dixo Jesús Vázquez, “ábrese un proceso aberto para que os cidadáns poidan suxerir os cursos que desexan impartir dentro da Universidade Popular, do que sairá a oferta formativa para o vindeiro curso”.

Participación cidadá. Finalmente, aprobáronse senllos expedientes para locais cedidos ás asociacións de veciños. Por unha banda, o compromiso de gasto correspondente ao contrato de arrendamento dun baixo na Avenida de Zamora 139 por un importe total de 18,223'44 euros nos vindeiros cinco anos, 2017/21.

O outro local sitúase na Rúa Camelias 20, e o importe destinado para as vindeiras cinco anualidades é de 9.306,90 euros.

Te puede interesar