CIDADES TERMAIS

Baltar visita Budapest no Día do Patrimonio Europeo

O presidente da Deputación estivo co comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, a quen lle trasladou que o "Día europeo do patromonio termal será un impulso para afianzar o noso termalismo"

Tibor Navracsics e Manuel Baltar.
Tibor Navracsics e Manuel Baltar.
Baltar visita Budapest no Día do Patrimonio Europeo

O presidente da Deputación de Ourense e vicepresidente da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (EHTTA) dixo este venres en Budapest, na celebración do Día do Patrimonio Europeo, que proclamar o 12 de outubro como “Día europeo do patrimonio termal' será un impulso para afianzar ao noso termalismo na canle internacional do turismo de natureza e saúde”.

O encontro, que se celebra no histórico balneario Gellert da capital húngara, reúne a representantes institucionais da Unión Europea e da asociación europea termal, así como a expertos e científicos no ámbito do termalismo, e representantes de Budapest, Vichy, Ourense e outros territorios balnearios de Europa.

Baltar destacou destacou o binomio termalismo-cultura como “o nexo histórico que une aos pobos de Europa tendo á auga termal como base de saúde, convivencia e impulso do patrimonio cultural”, un argumento que trasladou ao comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, con quen se reuniu para analizar a necesidade de desenvolver medidas conxuntas de promoción turística, cultural e termal, “cooperando entre a UE e asociacións como Partenalia e a EHTTA, que traballan en rede pola competitividade das provincias”

No encontro Baltar e Navracsis analizaron temas de colaboración e falaron da importancia que para os territorios provinciais ten o novo marco financeiro plurianual 2021-2027, polo que supón de incremento da competitividade, na liña do avanzado por Baltar ao presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, no encontro que mantiveron días pasados en Bruxelas, no marco da Semana Europea da Rexións e as Cidades. 

Manuel Baltar considera que as novas estratexias de promoción do termalismo, “deben incluír medidas económicas e de promoción da “marca termal” dos territorios, con investimentos orientados a preservar o patrimonio cultural e termal pero tamén a poñer en marcha proxectos de innovación que permitan á cultura do termalismo ser un revulsivo de vangarda para as vilas e as cidades termais, mantendo á súa esencia histórica”.


Visibilidade internacional


No acto de hoxe, no que a Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa declarou o 12 de outubro como “Día Europeo do Patrimonio Termal”, “unha iniciativa que permitirá seguir defendendo con máis forza a riqueza termal das provincias de Europa e que lle dará maior visibilidade internacional a un dos recursos naturais máis importantes cos que conta a Unión Europea”, expresou Manuel Baltar, quen falou en representación do presidente da EHTTA, Giuseppe Bellandi.

No seu discurso, remarcou o papel dos gobernos locais intermedios “ na valorización e dinamización dos recursos dos nosos territorios” e puxo como exemplo o Plan “Ourense, a provincia termal”, “que marcará un antes e un despois na internacionalización do termalismo na provincia de Ourense”.

Tamén lembrou Baltar a recente celebración en Ourense da asemblea xeral da EHTTA, “que situou á provincia de Ourense no centro do debate sobre o termalismo europeo”, e falou do “Atlas Termal”, a maior base de datos sobre recursos termais en Europa para o estudio e divulgación do patrimonio termal europeo, desenvolvido polo comité científico da EHTTA, e que está estruturado nun Sistema de Información Xeográfica con categorías que abranguen datos de: municipios, mananciais, fontes, balnearios, hoteis, vilas termais, ocio, natureza, servizos, industria, investigación, eventos, imaxe e turismo; facilitando a comparación a diversas escalas.