TERMALISMO

Baltar: ‘O termalismo ten que ir na axenda económico-social'

photo_camera Pilar Farjas e Manuel Baltar.

O presidente da Deputación participou na segunda xornada do Enconctro de Vilas Termais, que se está a celebrar na Toxa, onde explicou os plans provincias para o futuro deste sector 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, explicou onte as liñas programáticas do Plan Termal Provincial na undécima edición do Encontro de Vilas Termais "Enviter", que se celebra en A Toxa (Pontevedra), afirmando que o Plan Termal "entra dentro da estratexia de provincia intelixente como eixo de desenvolvemento territorial".

Baltar anunciou que proximamente a Deputación e a Xunta asinarán o convenio para a execución do Plan Termal Provincial e a constitución do Consello Termal Ourensán. Precisamente, a Deputación inclúe nos orzamentos de 2015 unha partida que supera os 1,5 millóns de euros. "A cooperación público-privada é básica e as administracións debemos situar o termalismo non só na axenda política senón tamén na económica e social", remarcou o presidente provincial. Manuel Baltar participou neste foro xunto coa secretaria xeral de Sanidade e Consumo, Pilar Farjas, abordando o tema das políticas públicas e dos instrumentos de apoio ao desenvolvemento sostible das vilas termais. O foro ten como obxectivo a planificación e desenvolvemento das vilas termais, a súa xestión e a posta en común das claves para promocionar e comercializar mellor unha infraestrutura termal, así como analizar as iniciativas para atraer ao turismo nacional e internacional.

O presidente provincial expuxo as liñas estratéxicas do Plan "Ourense é a provincia termal", un proxecto que ten como obxectivo afondar na especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción, para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo. O Plan Termal, que desenvolven conxuntamente a Deputación de Ourense (a través do Inorde) e Xunta de Galicia, farase realidade co novo escenario de fondos comunitarios 2014-2020, que permitirá achegar a Ourense os orzamentos necesarios para impulsar como nunca esta provincia situándoa na vangarda do benestar, do relax e da saúde.

Pola súa banda, Farjas defendeu que as instalacións termais poden converterse en centros non sanitarios que ofrecen servizos de saúde e recibir pacientes doutros países, se cumplen cos requisitos establecidos na nova Directiva Europea transfronteiriza. Esta posibilidade abre grandes oportunidades aos balnearios españois e, de paso, aos concellos que as acollen, segundo explicou Pilar Farjas. O encontro remata hoxe cunha asemblea da sección de entidades locais con augas minerais e termais.

Te puede interesar