FESTA DO PEIXE

Bande celebrará a XLV Festa do Peixe entre o 20 e o 22 de maio

O programa inclúe actividades musicais e deportivas, concurso de caza e pesca e degustacións gastronomicas

O Concello de Bande ultima os preparativos para celebrar a XLV edición da Festa do Peixe, que celebrará entre o 20 e o 22 de maio. No programa desta celebración gastronómica, unha das de maior tradición da provincia e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, inclúense actuacións musicais, deporte, mostra de artesanía e degustacións gastronómicas.

A inauguración terá lugar o venres día 20, ás 20,00 horas, na Praza da Constitución, e estará amenizada pola Banda de Gaitas e Pandereteiras de Bande e as charangas Os Bandiños e BB+.
O sábado día 21 o programa inclúe durante todo o día o concurso de percorrido de caza para afeccionados, pasarrúas, gimkana fotográfica en familia, mercado de artesanía, exhibición de patinaxe, carreiras de velocidade en patíns, actuacións de charangas e para os máis cativos, o espectáculo "Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica".

O domingo día 22 terá lugar o campionato de pesca e para inscribirse nel haberá que facer entrega dun kilo de alimentos non perecedeiros para o Banco de Alimentos. Ao longo da xornada haberá mercado de artesanía, pasarrúas, procesión e misa, concertos e degustación de pinchos de peixe na Praza da Constitución.

Te puede interesar