Barbadás dará ata 2.500 euros á creación de novas empresas

Este programa de axudas da Concellaría de Promoción Económica ten a finalidade "de colaborar de maneira activa na xeración de emprego"

O Concello de Barbadás abriu o prazo para a presentación de solicitudes ao Programa de axudas municipais á creación de empresas. Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais e pequenas e medianas empresas  que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2017 e o 31 de outubro de 2018 –entendéndose por inicio da actividade a alta no Imposto de Actividades Económicas–.

Este programa de axudas da Concellaría de Promoción Económica ten a finalidade "de colaborar de maneira activa na xeración de emprego no noso municipio apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais", segundo indican na convocatoria do programa. 


Axuda e prazos


As axudas subvencionarán parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa. O importe máximo é de 2.500 euros por cada unha. A subvención, precisan, non poderá superar a contía total do investimento inicial realizado polos promotores, e está financiado con cargo ao orzamento municipal, cun importe de 12.000 euros. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro de 2018.

As condicións son diversas. En primeiro lugar, a empresa ha de estar radicada en Barbadás, teñen que ser empresas de nova creación, considerando incluídos os traspasos de negocios, exceptuando aqueles entre cónxuxes ou familiares.

Ademais, na empresa tense que crear, como mínimo, un posto de traballo, e non pode ter débedas coas administracións. 

Te puede interesar