MEJORAS

Barbadás renova o parque dos Carrís e coloca esculturas

DFDF
photo_camera Entre as novas esculturas situadas no parque dos Carrís atópanse unha cabra montesa, unha garza e unha londra.

O recinto, que tivo que estar pechado no verán por risco de caída de árbores, foi transformado

O parque dos Carrís de A Valenzá, ubicado debaixo do campo de fútbol, vén de ser renovado de forma urxente despois de que hai unhas semanas caese unha rama dunha árbore sen explicación aparente, segundo informou o Concello de Barbadás.

Unha vez consultados os técnicos municipais, emitiron un informe de perigosidade dalgúns exemplares por envellecemento e polo peso hídrico, o que obrigaba a dita intervención de urxencia, previo peche deste espazo.

Así, logo de estar precintado durante todo o verán para evitar incidentes nesta área recretativa, unha empresa encargouse da poda da masa arborada e á tala puntual. 

Asemade, esta compañía ofertou integrar os restos forestais no entorno. Con isto, e valéndose dunha biotrituradora para procesar as pólas das árbores podadas, estes restos estanse esparexendo polo parque dos Carrís, nunha cobertura que actúa como manto natural para, segundo explicaron desde o Concello, "maior comodidade dos usuarios". 

Co resto dalgunhas das árbores fixéronse bancos, utilizando os tocóns como soporte dos mesmos. Ademais, estes empregáronse tamén para elaborar esculturas que se colocaron ao longo do recinto recreativo, o que serviu, segundo o goberno municipal, para "converter unha área case residual nun espazo integrador, fermoso e que conserva a esencia da natureza dentro da propia natureza". 

Entre as esculturas, pódense atopar unha londra, unha garza e unha cabra montesa. 

Te puede interesar