ÁREA METROPOLITANA

Barbadás e Viaqua protexen a persoas en vulnerabilidade

Selan un protocolo contra a pobreza enerxética, que inclúe o proxecto pioneiro de "factura sen papel"

O Concello de Barbadás e Viaqua asinaron onte un protocolo regulador de medidas contra a pobreza enerxética e a vulnerabilidade económica, que terá unha consecuencia sobre aquelas familias que non poden atender dentro do prazo previsto os pagamentos das facturas polo consumo de auga e evitar así os cortes do suministro.

Barbadás converterase, dentro destas medidas de axudas a persoas con baixos recursos, no primeiro concello galego no que se implantará a factura sen papel para o pago da factura da auga, co que se pretende obter un aforro, diminución de emisións de dióxido de carbono, redución de residuos e menor consumo de elementos naturais.

Julio Masid, director da empresa Viaqua, explicou que a concesionaria "creará unha bolsa social para o Concello destinada ao pagamento das facturas de auga que non poidan ser asumidas polos usuarios". O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a iniciativa como "pioneira" porque as contías que a empresa deixa de ingresar "redundarán en beneficio de persoas en situación de vulnerabilidade e tamén do medio".

Os beneficiarios da bolsa social, que será xestionada por Viaqua, serán as persoas que cumpran cos requisitos. Esta bolsa consistirá nunha achega anual vinculada ao proxecto de "factura sen papel", consistente en achegar un euro por cada usuario que reciba factura vía email ou móbil, unha vez transcorrido un ano. 

Te puede interesar