ENTREVISTA

Bartolomé Pidal: “Temos unha riqueza turística incrible, pero descoñecida no resto de Galicia"

photo_camera Bartolomé Pidal, no Liceo de Ourense.

O Presidente de Nortempo e da Asociación Cultural Padre Silva fai un repaso da situación de Benposta e explica un programa de empleo dende a empresa

Afincando en Vigo, o empresario ourensán non se esquece da terra na que naceu. Hai cinco anos puxo en marcha unha explotación gandeira con 200 cabezas no concello da Mezquita para evitar a desaparición da raza frieiresa.

Neste mesmo lugar, o exbenposteño abriu no 2009 as portas do Hotel Spa Vilavella. Agora, un ano despois de que a finca de Benposta fose vendida á empresa de transportes Alfer, a asociación cultural Padre Silva que preside reabriu os prazos da poxa.

Para que?

Para que non se esqueza unha experiencia educativa de primeiro nivel que existiu na cidade de Ourense. 

Hai posibilidades?

Posibilidades existen. Nós exercitamos unha acción ante a Tesourería da Seguridade Social e, posteriormente, ante a xustiza para acudir como afectados, movidos porque a asociación cultural Padre Silva ten aí a súa sé e non fomos informados de nada. Isto é un proceso longo. Existe outra vía que está na man das autoridades. Estamos pendente de presentar un informe no Concello de Ourense para que se protexa dalgún xeito ese espazo.

Pero Alfer é xa a dona dos terreos...

Si, con salvedades; é dicir, á rexistradora impuxéronlle dalgunha maneira que tiña que rexistrar a finca pero hai alegación feitas pola propia rexistradora. Isto é igual ca poxa; é dicir, na realidade unha almoeda pódese botar atrás. Non é unha porta pechada. Ao principio si porque non se nos recoñecía como parte interesada pero, nestes momentos, si o estamos. Outra opción é a política, é dicir, que a cidadanía de Ourense tome unha posición máis activa e procure protexer estos terreos, que a cidade estivo desfrutando a través de diferentes concertos.

É suficiente o apoio do Concello e doutras administracións públicas?

A situación que vive o Concello de Ourense ao ter bastante fragmentado o voto inflúe na falta de decisión. Eu creo que hai boas intencións pero non se acaban de materializar. Penso que é unha cuestión de tempo e de reflexión.

Estamos a falar dun proxecto que liderou o pai Silva, aínda que a súa imaxe quedou danada...

A partir dos 80, Benposta foi languidecendo, deixando o papel que tiña ó principio. Foi un tirar para adiante pero sen saber adaptar ou redifinir o proxecto. Quixo seguir facendo o mesmo que fixo nos anos 60 y 70. Isto non era posible. Non funcionaba. Creo que neste sentido o pai Silva cometeu erros importantes. Non soubo adaptarse nin organizar o que tiña que ser o futuro. Entrou en loitas entre a propia xente de Benposta, xerando unha situación degradante de toda esa experiencia. Dende o punto de vista da imaxe pública, a institución quedou cuestionada. A propia figura do pai Silva púxose moi en cuestión. Nós, dende a asociación cultural Padre Silva, queremos quedarnos ca parte positiva da experiencia, que vai máis alá da propia figura de Silva.

Xa a nivel persoal, que lle aportou a súa etapa en Benposta?

Estiven na décana dos 70, preto de dez anos. Vivín un dos momentos de maior visibilidade e proxección de Benposta no mundo. Era a época na que o circo estaba viaxando polo mundo. Nalgún momento, vivimos case 600 rapaces. Aportoume a posibilidade de experimentar e aprender en acción co resto de mozos. Hai unha semana nos "Encontros en Vilavella" falamos dunha experiencia educativa aberta e plural onde o traballo cos demais é un dos eixos principais do crecemento das persoas. Neste sentido, Benposta foi unha experiencia que che permitía ter unha educación integral. Foi un modelo que nos facía madurar un pouco a todos. A min si mo fixo.

Bota en falta modelos como o de Benposta no sistema educación actual?

Si. Precisamente, nos "Encontros en Vilavella" tratamos poñer enriba da mesa experiencias que nos alumeen sobre como ten que ser a educación do futuro. Hai que pensar que o sistema educativo de hoxe é o mesmo que hai non sei cantos séculos. Se pensamos na escola do 1800, resulta que a día de hoxe temos a mesma escola. A única diferenza é que contan con pizarra electrónica. Pero isto non é un adianto no sistema educativo. Ademais, os profesionais da educación son os que están levando a cabo as innovacións á marxe da administración, que neste sentido vai moi detrás do que está indo a sociedade. Algo que é moi común, non só na educación, senón en moitos eidos da vida. Hai que pensar que o mundo sufriu moitos cambios nos últimos anos e a educación realmente está moi atrasada. 

Xa como presidente de Nortempo, en que situación se atopa a súa empresa?

Estamos nun momento de expansión e desenrolo no só a nivel nacional senón internacional. O grupo realiza máis de 20.000 contratacións ao ano, temos un plantel de 7.000 traballadores. Pasamos de ser unha empresa galega a estar en España, Portugal e Colombia. Na actualidade, estamos abrindo mercado tamén en Francia. A clave desta evolución? Imos polo noso 26 aniversario, pero coa ilusión do primeiro día. 

Ourense conta con 27.400 desempregados, rexistrando a taxa de paro máis alta de Galicia. Como xerar emprego?

Tanto Ourense como Lugo denotan unha menor actividade económica pola falta de presenza de empresas. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, definiu estos días o sector turístico como un eixo estratéxico. Eu coincido con el. Hai que potenciar o turismo. Ourense é unha provincia que ten unha riqueza incrible tanto cultural como paisaxística pero, dende o meu punto de vista, descoñecida en Galicia. As administracións deben apoiar máis ás provincias do interior. 

Que fan dende a Fundación Nortempo neste sentido?

Estamos inmersos no programa Nor'Integra, un centro especial de emprego co que pretendemos contribuír a facilitar a empregabilidade ás persoas con outras capacidades. Estamos traballando en Galicia principalmente, aínda que temos a prevista a apertura de novas oficinas en Canarias.

Te puede interesar