ARTE ET ALIA

Basallo e a colectiva da Fundación Artiaga

A exposición que acolle o Valcárcel ten un meritorio fin altruísta

Pormenor dunha sala da exposición no Valcárcel.
Pormenor dunha sala da exposición no Valcárcel.
Basallo e a colectiva da Fundación Artiaga

As casiñas de animais en ‘Sobre perros y estrellas’, cadro de Tono Carbajo, son un símbolo da meritoria acción que a Fun dación Artiaga promove coa exposición itinerante do Centro Cultural da Deputación. Aquelas poñen de manifesto o programa AAN (Axuda Animal Necesitado). Promover e divulgar a cultura a través da arte, apoiar artistas e contribuír ao desenrolo humano, cultural, científico, social de Galicia son os seus fins altruístas. O conxunto comeza co "Peto das doazóns" de Mar Barral e segue pola poesía en forma de libro, de Daniel Caxigueiro, escultura en gres con un burato na capa, outra ‘Fiestra valdeira’. As fotos monocromas de Vari Caramés comparten técnica coas de Xosé Artiaga (Mondoñedo, Lugo, 1955), grandes e en aluminio, sombras de figuras a través de portas translúcidas, como aquelas presenzas das que falaba Miguel Fernández-Cid dunha exposición súa de 1990 no desaparecido Diario16. As flores de Xoán Lomarti, e os kiwis hiperrealistas de Guerreiro cos mindonienses Vizoso e Mauro Leivas, que amosan un dos seus celebrados carteis das San Lucas e, respectivamente, unhas cerdeiras en flor a contraluz cun paxaro, achegado ao leste de Asia. Luís Seoane, un dos nosos clásicos, comparte protagonismo con outro, aínda vivo, Antonio López. E con eles, Mar Barral, Saudade Artiaga, Ana DMatos, Luis Fega, María X. Fernández ou Monasterio e Quintana Martelo, con un dos contedores madrileños de lixo. Unha selección dos moitos que colaboran con Artiaga, presentada co viño do chantadino Pazo de Sabadelle, Ribeira Sacra en Lugo: así se potencia tamén, e proxecta, coa arte decote nas súas salas, exemplo que podían imitar outros pazos e adegas do Sil, pola banda de Sober e pola de Parada do Sil, Castro Caldelas e Valdeorras, ausentes polo de agora no ameto da cultura.


Basallo, unha presenza estelar 


Ten o escultor ourensán un máis que relevante protagonismo na sala con ducias de pequenas pezas en varios contedores-vitrinas, nas que amosa os seus pensamentos. Amais dilo hai outras nas paredes, a modo de cadros, de madeira e papel, ás que se engaden as que pendura do teito, e as que van directamente no parqué. Esta luminosa aparición é a primeira fai entre nós logo de súa recepción a fins do ano 2015 como académico da coruñesa Academia Nuestra Señora del Rosario. A plasticidade da materia nas súas mans, directamente, e co coidado das pezas que pule e ensambla, acada a canle pola que a poesía flúe dende a sutileza da escala, e o asombro do artista que está dende neno en contacto coa madeira no serradoiro, co seu pai, e o coiro. Unha poética especial teñen as obras nas que cose sobre cartón dende a máquina que era da súa nai, cosido que aparece na solitaria peza en coiro dunha vitrina. Un xesto de xenerosidade coa substancia do conxunto e as dimensións da sala, que se materializou polo predicamento de Paco González Bouzán, director do centro cultural da Deputación de Ourense, e de Fernández-Cid. Temos así este regalo, que nace por unha boa causa e se desfruta dun xeito especial.