entrevista - música

Berlai: "En Galicia hai moita música de calidade; isto está fenomenal"

O músico Xiao Berlai (Santiago, 30 xuño de 1978) presenta hoxe na cidade o seu primeiro disco "Desconhecido". Unha historia do Far West galego, unha historia real dun home que preferiu vivir e morrer só porque non lle deixaron vivir como el quería. A cita será no Auriense ás 21,30 horas. 

Como xorde Berlai?

É un proxecto meu que nace hai menos dun ano. Antes, compoñía uns temas na miña casa e non tiña proxecto definido nin nada. O disco básase na historia dun tío meu. No 2010, cando morreu, eu ao chegar da casa do tanatorio sentínme na necesidade de compoñerlle un tema. Foi algo que me saíu moi espontáneo. Catro anos despois, empecei a compoñer algún tema máis e funlle dando forma ao proxecto de "Desconhecido" e aí naceu Berlai. 

Quen está detrás de “Desconhecido"?

Aínda que Berlai naceu como unha banda musical, a necesidade de contar a historia desta persoa xurdiu a posibilidade de ilustrala. Dialogan o que é o cómic coas cancións. Vas lendo o libro e atopando unha narración na ilustración. É un proxecto novidoso en canto a que é unha forma diferente de ler e unha maneira distinta de escoitar música. Somos catro músicos e o ilustrador Ernesto Torterolo. Eu estou á guitarra, voz e mandolina; Iago Mourinho, teclados e piano; Pablo Pérez ao baixo eléctrico e Bruno Couceiro á batería.

Como define o seu estilo musical?

Chamámoslle indie 'rururbano' (rural urbano). O disco non se centra nun estilo. Non é rock, non é pop, non é folk, non é indie; pero pasa por moitos momentos. Hai intres más electrónicos, máis pop e, incluso, melódicamente máis tradicionais. 

Como xorde a súa vocación pola música?

Sempre estiven ligado á música tradicional, de pai gaiteiro. Dende moi noviño estiven no grupo musical galego Fía na Roca. 

É complicado facerse un oco no panorama musical?

É difícil porque en Galicia hai moitas cousas de moita calidade. Isto está fenomenal. Con esta proposta, eu tiña a necesidade de facer este libro. "Desconhecido" é unha historia sincera. Estamos empezando agora coa xira por Galicia e, polo momento, o público está respondendo moi ben. Os músicos que participamos nisto tampouco somos persoas que acabamos de caer na música. Supoño que isto axuda. De feito, o crowdfunding que fixemos ao principio para o proxecto resultou moi ben. Tiñamos presupuestado 3.000 euros e sacamos 4.000 euros. 

Te puede interesar