POLÍTICA

O BNG sinala o emprego como prioridade da cidade

Pontón aposta por crear "emprego de calidade" nunha provincia marcada pola "precariedade galopante, o declive demográfico e o fracaso das políticas do PP"

O candidato do BNG en Ourense, Luís Seara, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuníronse este xoves con delegados da CIG, ante quen defenderon a necesidade de crear un "Plan de reequilibrio territorial" en Galicia "que poña a Ourense no mapa e permita desenvolver o seu potencial agrario, turístico e natural". Así o expresou Pontón, quen aposta por crear "emprego de calidade" nunha provincia marcada pola "precariedade galopante, o declive demográfico e o fracaso das políticas do PP".

Nese senso, a líder do BNG cualificou de "desastre" a xestión dos populares na Xunta, a Deputación e o Concello, lembrou  que Ourense perdeu "12.000" ocupados na "década negra" de Feijóo e sinalou  que "só un tercio dos ourensáns ten emprego, porque ao PP só lle interesa manter a súa rede caciquil".

Ante isto, mostrou a súa disposición a esixir "a derrogación o roubo de dereitos das contrarreformas laborais" se os nacionalistas chegan ao Congreso tras o 28-A e son chave para formar goberno.

De feito, Pontón fixo balance neste senso da lexislatura que está a piques de rematar. Cualificouna como "decepcionante", xa que houbo "discriminación" a Galicia e porque "as esquerdas foron incapaces de derrogar as contrarreformas laborais". 

Por último, a portavoz nacional do BNG chamou a "recuperar a voz dos galegos no Congreso, porque tres deputados do BNG sen ataduras e dependencias valen máis que 23 ao servizo de Casado, Pablo Iglesias ou Sánchez", e para superar unha crise na que "Galicia saíu perdendo" por un "reparto desigual" de fondos.


PROPOSTAS DO BNG


Luís Seara avanzou algunha das primeiras medidas do BNG na carreira á Alcaldía. Desenvolver o Plan Estratéxico Termal e aprobar o Plan Especial BIC das Burgas, consolidar unha feira de produtos ecolóxicos e de calidade "para crear novos nichos de emprego e novas canles de comunicación", desenvolver un Plan de Emprego con todos os axentes sociais ou incluír o potencial lingüístico na oferta turística e converter a Ourense en "referente turístico" a nivel estatal.

Tras a xuntanza coa CIG, que Seara considera un paso máis no proceso de "interlocución intensa" cos colectivos da cidade, o candidato do BNG remarcou o emprego como "a primeira cuestión para Ourense" e amosou a súa disposición a pasar á acción f, tras acusar ao actual Concello de "non actuar" neste ámbito. 

Te puede interesar