política-ourense

O BNG garante “credibilidade" para “unha cidade desfeita"

BNG Ourense Noa Presas Pontón
photo_camera Ana Pontón, Luis Seara y Noa Presas, ante un ateigado salón de actos.

Os nacionalistas amosan o seu proxecto para "volver con forza" tralas próximas eleccións locais

Unhas 300 persoas deixaron pequeno o salón de actos da sede de Afundación para arropar onte ó BNG nun acto no que a formación nacionalista quixo lanzar unha mensaxe de ambición coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais no Concello de Ourense, dispostos a "volver con forza" para relevar a un alcalde, Jesús Vázquez, "que non fai nada por esta cidade".

O candidato á Alcaldía, Luis Seara, estivo arroupado pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada Noa Presas. Seara, elixido no verán como cabeza de lista, foi presentado pola líder do partido "como o futuro alcalde de Ourense" e trazou as catro liñas mestras nas que quere asentar o seu proxecto: integral, íntegro, integrador e integrado.

"Se hai que destacar algo positivo, non hai nada", comezou o candidato nacionalista, que falou "do peor goberno da historia que "non ten orzamento, plan de urbanismo e por riba é moroso", pero tamén "dunha oposición non á altura", postulando ó BNG "ante aqueles que presentan os mesmos candidatos nun insulto á intelixencia, xa que non teñen credibilidade".

Non faltaron as propostas de futuro, comezando pola elaboración dun plan de emprego e outro conta a exclusión social, unha estratexia termal, a dinamización do comercio coa apertura da praza de abastos da Ponte ou "converter no principal pulmón verde" a Finca Santamariña, sen olvidarse da protección do río Barbaña.

"Anhelamos un Ourense dinámico, solidario, sustentable e cheo de vida", concluiu Luis Seara, que subliñou o "papel do BNG para acadar cuestións relevantes porque non nos asustan os retos". 


Pontón: “o cambio só o pode lograr o nacionalismo "


A voceira do BNG, Ana Pontón, subliñou a recuperación do nacionalismo nos ultimos tempos, asegurando que "o cambio en Ourense só pode vir do BNG", agradecendo o traballo desenvolvido polo candidato á Alcaldía, Luis Seara, "un exemplo de coñecer todos os problemas".

Pontón reclamou un apoio masivo "cando temos pouco tempo e moito traballo por facer", poñendo como exemplo o labor desenvolvido en concellos como os de Allariz ou Pontevedra, "referentes".

Para a líder do BNG, "con toda esa forza seremos imparables e converteremos a cidade de Ourense no tractor dunha provincia cunha inmensa potencialidade".

Durante o acto, tamén falou a deputada no Parlamento galego Noa Presas, que indicou que "non temos medo ó que vén por diante porque somos útiles e seremos determinantes para o Concello de Ourense".

A parlamentaria ourensá lembrou que "nunca nos regalaron nada, pero sempre estivemos aí, petando na porta e traballando pola cidade".


BNG en Ourense


Medidas sociais

Plan de emprego e plan contra a exclusión social.

Promoción

Estratexia termal para desenvolver todas as potencialidades.

Dinamización

Recuperar a praza de abastos de A Ponte como clave para potenciar o comercio de proximidade, con outras accións como o programa Come Ourense.

Medio Ambiente

Converter a Finca Santamariña no gran pulmón verde da cidade e traballar na protección do río Barbaña.

Te puede interesar