POLÍTICA LOCAL

O BNG mira a 2019 coa receita para “transformar os concellos"

A formación nacionalista lanza a precampaña das eleccións municipais reunindo na cidade ós representantes dun "modelo para mellorar a vida dos veciños", segundo destacou Ana Pontón

O BNG mira a 2019 coa receita para “transformar os concellos"

O BNG lánzase á conquista dos concellos ourensáns. A formación nacionalista celebrou onte en Ourense o acto co que arranca, de maneira oficiosa, a precampaña cara as eleccións municipais do 9 de xuño do 2019, unha cita na que os nacionalistas buscan continuar coa súa recuperación tras tocar fondo, precisamente nos comicios locais de 2015, nos que a súa forza nas cidades e vilas galegas quedou moi mermada.

Coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, o BNG reuniu no centro cultural Marcos Valcárcel, ante máis dun cento de persoas, ás caras visibles dos concellos da provincia onde a formación forma parte do seu goberno, con especial relevancia dos alcaldes de Allariz, Francisco García; Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; Baños de Molgas, Xaime Iglesias; A Mezquita, Rafael Pérez; ou Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Ademais, estivo o rexedor de Pontevedra, Miguel A. Fernández Lores, que manda nesa cidade dende hai varios lustros e converteuse, ó igual que Allariz, nos exemplos da "nosa capacidade para gobernar", como sinalou Pontón, convencida de que o BNG ten a receita para "transformar os concellos e Galicia".

A portavoz dos nacionalistas, "orgullosa" de estar en Ourense, cidade que invitou a "reconquistar para darlle un futuro", subliñou que a "revolución comeza polos concellos", animando por tanto a "poñernos mans á obra, con todas as portas abertas" coa cidadanía. "Temos referentes de que podemos conseguir o que queiramos, como Pontevedra ou Allariz, exemplos da capacidade para que o país avance e saia desa eterna noite de pedra, sabemos como mellorar a calidade de vida dos veciños", indicou Pontón, que fixo un recoñecemento expreso os alcaldes ourensáns do BNG.

Francisco García, rexedor de Allariz, lembrou como nun contexto de crise demográfica a súa vila gañou máis de 1.000 habitantes dende principios de século, "abrindo vías de transformación pola responsabilidade de levar adiante o cambio".

Namentres no rural Allariz é o modelo do BNG, no mundo urbano os ollos vanse cara Pontevedra. O seu alcalde, Miguel A. Fernández Lores, ve "motivos en Ourense para o optimismo, porque o BNG está de moda e seguro que terá uns resultados espectaculares". Asenta o seu optimismo no traballo de Pontón e no equipo.

A deputada Noa Presas dixo que "non nos limitamos a ser o antídoto do PP, senón que tamén temos alternativa" mentres que o responsable local, Luís Seara, asegurou que "imos a por todas, sen renunciar a nada". Ademais interviron os tenentes de alcalde de Verín e A Rúa, Diego Lourenzo e María Albert (primeira alcaldesa da Rúa, durante dous anos); e a veciña de Seixalbo Gloria Viana. Todos eles coincidiron nas dificultades de "loitar naqueles lugares gobernados por unha dereita que implica caos económico e administrativo".