política local

O BNG pon a tarifa galega como solución ao "espolio enerxético"

Luis seara y noa presas
photo_camera Luis Seara e Noa Presas, onte na sede do BNG en Ourense.

Ante a suba da luz, prantexan medidas como a baixada do IVE que levarán aos veciñas nunha campaña

O prezo da factura eléctrica, que aumentará durante o próximo mes de decembro un 10,7%, é entendido polo BNG como un "espolio enerxético" cometido ao seu xuízo polo goberno estatal. O partido nacionalista presentou onte na cidade unha campaña que levará a cabo por toda a comunidade que propón medidas para o abaratamento enerxético como unha tarifa eléctrica propia en Galicia, a baixada do IVE na factura eléctrica ao 4% ou a eliminación dos suplementos territoriais.

"Temos que ver que a día de hoxe pagamos un 31% máis do que pagabamos fai 8 anos e só no último período, do 2017 ao 2018, subiu case un 9% a factura da electricidade", apuntou a deputada Noa Presas. Ademais, Presas recordou que tanto a comunidade como a provincia ourensá son produtores de enerxía eléctrica por "decisións alleas", e que contan con "máis do 50%" dos encoros de grande hidráulica "a cambio de nada". Por outra banda, salientou que no caso de Ourense, onde "a taxa de pobreza se sitúa no 19%, superior á media galega, de 16%", a redución do prezo da factura eléctrica trátase dunha "cuestión prioritaria" para o BNG.

A campaña, que se encadra na política de control do sector enerxético que defende a formación, pide varias medidas urxentes para reducir o prezo das tarifas. "Non pode ser que o IVE da electricidade esté no 21%" comentou Presas, polo que a formación propón un IVE superreducido do 4%. Do mesmo xeito, o BNG esixe eliminar os suplementos territoriais, que suporán o aumento das facturas durante o próximo mes de decembro para os galegos. "Grazas a que Galicia é unha comunidade produtora, grazas ás políticas do PP e do PSOE, seremos os que máis pagaremos de todo o Estado", anunciou Presas, quen adiantou que os cidadáns da comunidade pagarán coas súas facturas un total de 38 millóns de euros.

Por outra banda, a formación pide ao goberno central unha tarifa eléctrica galega, que atenda á produción e que supoña un "importante" aforro para a poboación. A diputada salientou que esta redución dos prezos axudaría a solventar o problema demográfico actual da provincia, ademais de supoñer unha "nova oportunidade" para o tecido industrial ourensán. Presas aproveitou para recordar que o País Vasco conseguiu unha rebaixa de 50 millóns menos ao ano.


A campaña


O candidato á alcaldía ourensá do BNG, Luis Seara, adiantou que a formación percorrerá a provincia para facer "pedagoxía" coa veciñanza: "Imos percorrer os barrios da cidade e as zonas rurais, comezaremos para a semana que ven e impartiremos charlas en asociacións de veciños e en parroquias". Os nacionalistas presentarán iniciativas tanto na Deputación como no Concello. "Este é un debate no que as administracións non poden quedar á marxe, e dado que non o fan outros, farémolo nós".

Te puede interesar