ENTREVISTA

“A cabeza do dragón é un lugar para a maxia sen ocultar o truco"

2017102810105132206
photo_camera Unha escea de "A Cabeza do Dragón".

A historia de "A Cabeza do Dragón" comeza como moitas das fábulas de sempre.

O reino está ameazado por un dragón, a princesa está en perigo e o príncipe inicia unha aventura en solitario para facerse dono do seu destino. O que poidera parecer un vello conto de fadas, transformase co poder da pluma de Valle-Inclán nunha crítica social vixente na actualidade. A compañía Producións Excéntricas representa mañá, as 19,00 horas, a primeira obra de Valle-Inclán en galego no esceario do Teatro Principal. Para os que aínda están a dubidar, vai a mensaxe do actor e director da obra, Quico Cadaval: "Todos os espectadores que vaian vernos ó teatro teñen menos posibilidade de ir o luns o centro de saúde".

Que pontes conectan o mundo máxico de Valle Inclán coa actualidade?

No conto todo o reino escapa buscando mellores terras por culpa do dragón. Por desgraza, sabemos que na actualidade segue a haber refuxiados por todas partes escapando de moitos dragóns. A propia historia de Valle-Inclán xa está sendo actual, posto que nos contos antigos normalmente a princesa xoga un papel inactivo, mentres que neste caso preséntase como unha heroína que introduce a reflexión de por qué as mulleres sempre teñen que ser víctimas. Tamén se intercala a crítica social sobre a monarquía a partires da visión abonecada e ridícula do matrimonio real.

Como foi traducir as verbas de Valle-Inclán ó galego?

No caso de Valle-Inclán este era o seu idioma aínda que practicamente nunca o usou literariamente. Digamos que nos seus textos en castelán aparece unha sombra do que temos todos os galegos no fondo da lingua. E a verdade, como se di as veces dos viños ricos, a versión galega baixa moi ben, non se atravesa nada. A traducción foi moi fácil porque en Valle-Inclán hai que destacar a característica completamente musical dos seus textos.

Como describir o mundo de “A Cabeza do Dragón”?

Rómpese constantemente cos tópicos e ao mesmo tempo a imaxinación voa moitísimo. Dalgún modo é como se o autor fose poñendo cerámica de Lladró e despois imos botándolle por enriba salsa de tomate. A obra en si é unha especie de festa para os sentidos que destaca pola sensualidade provocada dende a harmonía dos movementos, o traballo do espazo e da iluminación levados a cabo por Baltasar Patiño. É como ver unha historia que pasa dentro dun diamante, nun espazo que fai un lugar para a maxia sen ocultar o truco.

Que recursos se empregan para levar á escea o esperpento? 

A propia obra dache pistas. Por exemplo, en Valle-Inclán poderíase dicir que nunca falta un can nunha merenda. Entón, o simple feito de ter un actor facendo de can e tendo actitudes humanas xa introduce a caricatura ou o esperpento, que consiste en descubrirlle a xente rasgos de outra cousa. O feito de vernos como cans ou de ver ós animais como seres iguais a nós tamén introduce unha crítica. 

Que outras disciplinas conflúen sobre as táboas?

Temos loitas acrobáticas, inspiradas no teatro oriental, que foron feitas polo especialista Iván Marcos que ó mesmo tempo interpreta ó príncipe Verdemar. Sendo fieis a estética exótica, para as loitas en vez de escoller o florete europeo fómonos ás espadas de kung fu, grandes e sonoras, que parecen instrumentos musicais. A música tamén xoga un papel destacado cunha partitura orixinal. 

Te puede interesar