ARTE ET ALIA

“Caste", unha escultura para lembrar a Víctor Campio

Marchou a presenza física de Víctor Campio, mais quédanos a lembranza da súa mirada amable e a súa voz poética ao noso carón

O monumento "Caste", xa finalizado.
O monumento "Caste", xa finalizado.
“Caste", unha escultura para lembrar a Víctor Campio

Un poema de Víctor Campio dedicado a Luís González Tosar serviulle a este de inspiración para a escultura "Caste", inaugurada na Esgueva, O Carballiño, na pasada Festa da Palabra. Nela agroma a voz de artista deste poeta, creación dunha obra de escultor destinada a ser a estrela da fronte da Ínsua dos Poetas. Mais Víctor, escritor e mestre, amigo e conveciño, non puido desfrutar dela ao morrer uns días antes da data, na véspera do día de Galicia. Nado en 1928 en Garabás (Maside), preto do meu Cea, o que nos mantiña unidos por invisibles lazos, e tamén amigos comúns. Tempo despois, dei en achegarme ao parladoiro que a mediodía tiña arredor das mesas da Cafetería Princesa, na compaña de Jaime Noguerol, Edelmiro Vázquez Naval, Marisa Calvo, Augusto Valencia... Ler "Por esa voz", e sobre todo, "O ar que nos leva", de 1987, axuda a comprender a fondura da súa temática, abano completado con algún ensaio e novela. Marchou a súa presenza física, mais quédanos a lembranza da súa mirada amable, e a súa voz poética ao noso carón, reunida en "O aire, a luz e o canto, poesía reunida, 1987-2006", editada polo PEN de Galicia que dirixe Tosar. Na Ínsua, diante da significada escultura evocadora saída do maxín e as mans deste, está reproducido en pedra o soneto "Por esa voz", que Víctor gustaría que o recitaramos: "Por esa voz que chega/ do corazón da terra e me reclama.../ Irei buscando os froitos soterrados/ que xa están a agromar alá na fonda/ gabia de amor dos meus antepasados". 


A escultura


Eis a deconstrución da roda tradicional, cerne do mundo do campo galego, fundamento dun carro de bois como o que cada mes de setembro leva, en procesión, á virxe do vello mosteiro cisterciense da Franqueira. Desta terra montesía de boas canteiras chegou a pedra utilizada na estrutura de base. Sobre ela vai a escultura, construída dende unha roda de carro do país, a gran escala, dividida pola metade para formar coas dúas partes unha cruz, cos seus aros de ferro cravados na rodeira do carballo. Sobre a parte que avanza cara nós vai unha figura masculina de ferro doce, núa e esvelta, en posición de estar encadeada. O logro da estabilidade dende unha peza destinada ao movemento, co que Luís González Tosar semella querer dicirmos como a palabra poética afonda para ancorarse nesta Ínsua. Este é, dende o seu cerne creativo, escultor. A pouco de chegar de Buenos Aires recibiu clases de Camilo Nogueira no seu obradoiro da rúa San Roque, no barrio vigués do Calvario. Eran os anos de 1969 a 1972, e naqueles tempos formativos asistiu tamén ás clases de modelado e talla en pedra na Escola de Artes e Oficios, onde aquel artista era profesor. Anos despois, a mediados dos setenta en Compostela, aboiou o da poesía. E neste medio século transcorrido, a súa actividade docente e como creador dunha orixinal voz poética, ademais de tirar do esquecemento a Díaz Castro ou ao propio Campio, téñenlle quitado tempo á madeira, o barro ou a pedra, que nunca deixou. O lume prendeu.