infraestruturas

Catro concellos humanizan as rúas e os espazos públicos

Vilariño de Conso, Taboadela, Riós e A Gudiña asinaron un convenio coa Xunta, que investirá 172.862 euros no marco do chamado Plan Hurbe

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará cos concellos de Vilariño de Conso, Taboadela, Riós e A Gudiña na execución de varias actuacións de humanización de rúas e espazos públicos no marco do chamado Plan Hurbe. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, coa sinatura de catro convenios de colaboración cos rexedores destes municipios e en virtude dos cales a Xunta investirá en total 172.862 euros –o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante correrá a cargo dos respectivos concellos.

No caso de Vilariño de Conso o proxecto ten por obxectivo habilitar unha pequena praza con pavimentación a base de formigón impreso, "de tal xeito que se cree un único espazo diáfano para uso e desfrute público e coas condicións necesarias para poder celebrar festas populares".

En Riós, a actuación consistirá no acondicionamento de espazos públicos no lugar de A Veiga do Seixo. A intención do Concello consiste en "acometer a pavimentación dunha rúa e dunha praza con solado de pedra granítica e pavimento continuo de formigón impreso para uso peonil". Así mesmo, a actuación tamén inclúe intervir sobre o mobiliario urbano da praza.

En Taboadela acometerase a renovación de 18 cadros eléctricos co fin de mellorar o alumeado público do municipio e na Gudiña, os traballos previstos consistirán na rexeneración do firme no núcleo de San Lourenzo.

Te puede interesar