TEATRO

O Centro Dramático revisa 
o teatro infantil de Casares

"As laranxas máis laranxas", posta en escea no ano 2004, é unha historia chea de fantasía

"Quere tortilla. Tanto lle dá que sexa tortilla española, tortilla francesa, tortilla de pan, tortilla crioula, tortilla pasada, tortilla aldeá". Se os rapaces ao día seguinte de escoitar este rap da tortilla seguen cantando a canción no patio do colexio, é que a obra foi un éxito. Ese é o termómetro que lle marcaron ao director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, os profesores que acudiron ao ensaio xeral da reposición da obra musical "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas", do escritor Carlos Casares.

A estrea desta obra infantil terá lugar o venres, ás 20,30 horas, no Teatro Principal, ainda que hoxe e mañá haberá funcións escolares. Na súa presentación participaron onte o conselleiro Xesús Váquez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede; o director da obra que xa fora o responsable da mesma montaxe no ano 2004, José Caldas; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o presidente do Liceo e irmáo de Carlos, Javier Casares e a directora do Teatro, Olga Mojón.

Todos os asistentes destacaron a importancia da reposición deste traballo de Casares. "O CDG só repuxo dúas obras, 'Os vellos non deben namorarse', e este traballo infantil do autor limiao, que o merecía", explicou Manuel Guede.

Javier Casares destacou na súa intervención o que supón para a familia a posta en escea deste texto infantil. "É unha gran satisfacción para nós. Carlos, quen sempre apostou por promocionar a cultura galega, pensaba que había na literatura galega un vacío en canto ao público infantil se refire". Mostrouse convencido de que esta obra "vai gustar moito ós rapaces, porque tén unha mensaxe moi positiva".

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, destacou a figura do autor e lembrou a súa importancia para a cultura galega.

O veciño da escopeta, o Toneladitas, a veciña Sabida e a Desdentada, o Elías e Anxa contarán na escea a historia do limoeiro e as sáus laranxas xigantes. O elenco está composto por actores novos, a maioría saídos da Escola Dramática, a Esad, e todos eles saben tamén moito de música, xa qu é unha obra musical. O director portugués, José Caldas, destacou a complexidade dos persoaxes.

Te puede interesar