ENTREVISTA

"Os científicos temos que saír do laboratorio e explicar o que facemos"

cabaneklassss
photo_camera Eva Cabanelas Dopazo, investigadora da USC

Eva Cabanelas é semifinalista da fase estatal do concurso internacional de monólogos científicos Famelab

Despois de rematar a súa formación no instituto de As Lagoas, Eva Cabanelas mudouse a Lugo para estudar a súa licenciatura en Veterinaria. Na actualidade está a piques de presentar a súa tese de doutoramento sobre un parasito que afecta ao vacún e prepárase para a semifinal do concurso internacional de monólogos científicos Famelab, do que resultou elixida. É a única galega que conseguiu facerse un oco neste certame, no que foron seleccionadas 16 candidaturas. "Non esperaba que me seleccionasen. Un amigo meu presentouse o ano pasado e foi el quen me falou un pouco da competición e dixen, imos probar!"

Que é Famelab?
O obxectivo deste concurso é achegar a ciencia ao gran público dunha forma amena a través da comedia. Está orientado a xente da comunidade científica de tódalas titulacións. A iniciativa está organizada pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) e o Bristish Council. Ademais, conta co patrocinio da Obra Social La Caixa.

Cal foi a súa proposta?
Logo de cubrir un formulario online, mandei un vídeo no que facía o meu monólogo nun máximo de tres minutos. Decidín apuntarme porque gústame o ámbito da divulgación e o da interpretación. Eu facía teatro no instituto e, a día de hoxe, sigo facendo cousiñas. E tamén me gusta escribir e comunicar polo que era unha oportunidade para aunar todo isto; é dicir, o traballo e as miñas paixóns. O contido da peza non o podo dicir porque a organización non nos deixa falar do tema ata a súa presentación. Será o mesmo monólogo co que vou a semifinal en abril a Barcelona. Non obstante, está relacionado coa miña actividade científica.

En que se centra a súa tese de doutoramento?
Sobre un parasito que afecta ao vacún. Este organismo é unha mosca que pón os ovos nas extremidades das vacas dos que saen unhas larvas que van migrando por todo o organismo ata formar no dorso, no que é a espalda, os barros. Son como unha espece de nódulos que se lle forman aos animais na pel. As consecuencias son perdas subclínicas; é dicir, de tipo económico ao descender a producción. Un tema bastante técnico pero que no meu monólogo trato de explicar dunha forma cotidiana con exemplos da vida diaria.

Por que é importante acercar á ciencia ao público en xeral?
Porque moita xente non sabe en realidade que é o que estamos facendo. A min pásame cando digo a temática da miña tese. Por iso, considero fundamental divulgar o coñecemento, o que producimos na universidade, máis alá da comunidade científica para que  a xente saiba o que fas. En definitiva, desmitificar a ciencia porque parece que é algo moi místico e que non ten aplicacións pero sí as ten. 

Por que decidiu ser veterinaria?
Cando era pequena tiña una gatiña que se caeu pola fiestra. O veterinario salvouna e eu dixen: "¡Eu quero facer isto tamén o día de mañá!" O de acabar na ciencia non foi vocacional. Ao rematar a carreira non sabía moi ben por onde tirar e xurdiu esta oportunidade, a de facer a tese, cunha beca da Xunta. 

Te puede interesar