A entidade celebrará o seu décimo aniversario cun concerto no Auditorio municipal, ás 19 horas
O Auditorio de Coles acolle mañá os actos do X aniversario da Banda de Música Santádega, fundada no 2008, na que colabora o Concello. "O rexurdir da música é un feito nesta zona, e a banda converteuse nun axente social e dinamizador deste concello", asegura o alcalde do municipio, Manuel Rodríguez. Para o rexedor colés, a cultura musical "está consolidada despois dun laborioso traballo durante estes dez anos".
A entidade celebrará o seu décimo aniversario mañá, ás 19,00 horas, cun concerto no Auditorio municipal no que, segundo din desde o Concello, se agarda unha "grande afluencia de público".No acto estarán presentes non só os compoñentes actuais, baixo a dirección de Roberto Iglesias, senón que se espera a presenza de moitas das persoas que pasaron pola banda nas etapas anteriores.