EDUCACIÓN

Os colexios de Ourense desenvolverán máis de cen iniciativas dos contratos-programa

A Consellería vai reforzar o papel docente coa contratación de 13 profesores de apoio

Os colexios de Ourense desenvolverán máis de cen iniciativas dos contratos-programa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, formalizou hoxe cunha sinatura simbólica os contratos-programa que desenvolverán 44 centros educativos públicos da provincia de Ourense, cun total de 101 iniciativas diferentes. No encontro cos equipos directivos destes centros, o titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia quixo agradecerlles o seu esforzo e implicación na posta en marcha deste tipo de actuacións, que levan consigo un traballo previo de análise das fortalezas e eivas da situación de cada centro e o seu alumnado.

As iniciativas encóntranse vencelladas as 6 liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria:

  1. Acompañamento escolar fóra do horario lectivo.
  2.  Mellora das competencias clave.
  3.  Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros.
  4. Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.
  5. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
  6. Mellora da calidade na xestión dos centros.


Neste sentido lembrou que a Consellería vai reforzar o papel docente coa contratación de 13 profesores de apoio, que se centrarán, fundamentalmente, no desenvolvemento da liña 1 da iniciativa, a relativa a reforzo, orientación e apoio, herdeira do antigo Plan PROA.

Román Rodríguez quixo facer fincapé tamén no logro que para o conxunto do sistema educativo galego supón o feito de que, a través de iniciativas como os contratos-programa, se teña reducido ata niveis históricos na Comunidade a taxa de abandono temperá, que foi en 2016 dunha media do 15,2%, o que supón unha forte baixada desta taxa desde o ano 2009, que foi dunha media do 25,8%, e 3,8 puntos menos que a media de España, que finalmente acadou o 19% no 2016.

No acto participaron tamén o o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; a delegada da Xunta na provincia de Ourense, Mª Sol Díaz Mouteira; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e a xefa territorial da Consellería na provincia, María Luz Fernández Quintas, entre outras autoridades.