PREMIO

Canteira de chefs na provincia

A receita do colexio de San Amaro conquistou ao xurado do concurso "Chefs saudables", organizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade. Elaboraron salmón en papillote gornecido con patacas.

O xurado do concurso "Chefs saudables" non o tivo fácil á hora de escoller as mellores receitas elaboradas por 2.700 rapaces procedentes de 32 colexios da provincia. Das 26 propostas, só catro resultaron gañadoras, tendo en conta os ingredientes utilizados, as prácticas de hixiene e a súa orixinalidade. "Nos costó muchísimo elegir porque todos merecéis un premio", puntualizou María Villar Suárez, xefa territorial de Sanidade, durante o acto de entrega dos galardóns celebrado onte na delegación da Xunta en Ourense.

O primeiro premio recaeu na receita elaborada polo colexio Eulogio Gómez Franqueira, no municipio de San Amaro, que cociñaron salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais. 

Ademais, concedeuse tres accésits aos menús dos colexios Virxe Pena da Sela, do Irixo; Sarreaus, e a "Flor de primavera", de Mariñamansa. Como recompensa, estes tres últimos centros disfrutarán dunha xornada lúdica no complexo de Monterrei, mentres que os rapaces do colexio de San Amaro viaxarán a Santiago o vindeiro 16 de xuño nunha excursión na que terán a ocasión de visitar o Parlamento de Galicia.

Ao longo de varios meses, os mozos, con idades comprendidas entre os tres e os 11 anos, traballaron arreo para preparar a súa receita propia. "O noso menú consistiu en elaborar aguacates recheos de atún, brochetas de pavo e, de postre, sorbete de sandía", explica Mara López, alumna de Virxe Pena da Sela. 

"Nós preparamos xeados de froitas con kiwis, fresas e melóns", indica Sara Bechiki, alumna de Sarreaus. "Foi moi divertido. Ao tempo que xogammos, aprendimos a cociñar saudable, que é moi importante para non ter enfermidades cando sexamos máis maiores", engadiu.
Precisamente, un dos obxectivos desta iniciativa, incluída no programa "Por unha mocidade saudable" organizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, é axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. "Queremos concienciarvos de que tedes que coñecer e combinar os nutrientes que debedes inxerir cada día", explicou Marisol Díaz, delegada terriorial da Xunta en Ourense. Para elo, un grupo de técnicos de Sanidade desplazáronse a cada un dos centros participantes para explicarlles aos mozos os ingredientes que teñen que comer cada día. 

O obxectivo final deste proxecto é diminuír a prevalenza da obesidade nos rapaces ourensáns. Neste sentido, o plan galego de prevención da obesidade infantil, Xermola, recolle que no ano 2013 o 8% dos nenos galegos de 6 a 9 anos son obesos e o 25% deles sofren sobrepeso. "Eso non o queremos. Queremos concienciarvos de que tedes que levar unha vida sá, unha alimentación saudable, facer exercicio e comer pouco doce", puntualizou Marisol Díaz.

Te puede interesar