XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello aposta "polo lecer saudable" coa organización de Ociourense Xove

Ademáis, a Xunta de Goberno Local aprobou a creación da Mesa Local de Voluntariado e das súas normas reguladoras. Tres novas obras darán inicio en barrios da cidade por importe de 170.000 euros

O Concello de Ourense, anunciou unha nova edición de Ociourense Xove, o programa de lecer que organiza a Concellería de Saúde do Concello de Ourense. A novidade deste ano, segundo anunciou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, radica na implicación da área de Xuventude, que amplía e enriquece o programa con novas propostas coma a iniciación ao piragüismo, clases de mergullo, obradoiros de cócteles sen alcol, teatro ou cociña dirixidos a menores de 30 anos

Ociourense Xove está financiado polo Concello cun mínimo de 18.000 euros, mentres que o Plan Nacional sobre Drogas achega o 70% do seu custe: 42.000 euros que proveñen do fondo de bens decomisados polo tráfico de drogas. Desenvolverase durante as fines de semana de tres meses, comezando no de febreiro 2016, e trata de ofrecer unha alternativa de ocio para a mocidade en clave de lecer saudable e lonxe das drogas e do alcol.

Mesa Local de Voluntariado

Outra das novidades anunciadas na Xunta de Goberno Local foi a aprobación da Mesa Local de Voluntariado e das súas normas reguladoras. A Mesa Local de Voluntariado quere ser un órgano colexiado de participación, que ten un carácter consultivo, de formulación de propostas e suxestións, en materia de políticas locais de voluntariado, cuxo fin é a participación na xestión mediante o asesoramento e consulta, aos diferentes órganos do Concello en materia de voluntariado.

Malia que a súa finalidade principal é a de promover e canalizar a participación das entidades de voluntariado e da cidadanía a través das áreas de actuación, ten as seguintes funcións: Informar ao Concello sobre os asuntos específicos do ámbito do voluntariado social, propoñer iniciativas, ser interlocutor válido ante o Concello, fomentar a protección e promoción da calidade de vida do voluntariado mediante programas de formación do mesmo e coordinar, promover, analizar e avaliar as actividades de voluntariado.

82.000 euros en axudas a organizacións sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno Local aprobou, igualmente, axudas por un importe total de 82.026 euros para entidades sen ánimo de lucro de Ourense, tanto no ámbito cultural coma sanitario. Desta forma, dáselle luz verde a tres convenios de colaboración para a realización de actividades culturais por importe de 18.000 euros: Ateneo de Ourense (6.000 euros), Liceo de Ourense (6.000 euros) e Cineclube Padre Feijóo (6.000 euros).

No ámbito socio-sanitario, os convenios de colaboración establécense co Comité Cidadán Antisida (27.000 euros), a Fundación Monte do Gozo - Proyecto Hombre (18.513 euros) e Asociación ATOX (18.513 euros).

Comezo inminente de obras

Fóra da orde do día da Xunta de Goberno Local aprobáronse os plans de seguridade e saúde de tres obras, paso inmediatamente anterior ao inicio das obras. Trátase da adecuación da rúa de Atrás, en Cabeza de Vaca (cun orzamento de 47.586,57 euros), da rúa Manuel Fernández García, nas Lagoas (60.000 euros), e de diversas actuacións no núcleo urbano de Peliquín (59,994,18 euros). Estas obras súmanse ás acordadas a pasada semana de Mariñamansa, Eurasvedras, A Loña, Rairo e Os Ponxos.

A este respecto, al alcalde quixo pedirlle “desculpas aos veciños polas molestias que ocasionan as obras”, e animou a utilizar medios de transporte colectivo para non saturar o tráfico da cidade. Todas as actuacións teñen a súa data de remate antes de que comece 2016.

Cultura

No eido cultural, aprobáronse as bases do Concurso de Escaparates de Nadal, para o que se destina un gasto de 1.900 euros, e as do Concurso de Beléns Públicos NADAL 2015, cun orzamento de .870 euros destinados a premios.

Urbanismo

A Xunta de Goberno Local aprobou, así mesmo, 4 licenzas urbanísticas: o proxecto básico e de execución de instalación de ascensor Doutor Peña Rey 1, o proxecto básico e de execución de rehabilitación de vivenda unifamiliar en Seixalbo, a rehabilitación e reforma da cuberta do edificio Praza Maior 6, e a instalación dun ascensor e rehabilitación de cuberta e fachadas na praza da Lexión 8 (no Polvorín).

Igualmente, modificouse a división por fases do Proxecto de Urbanización do AR 16-N “ Alejandro Pedrosa” a petición do IGVS dacordo co establecido no informe técnico de 5 de outubro de 2015 e xurídico de 23-11-2015.

Contratación

O alcalde informou igualmente de que o procedemento para a contratación dun vehículo furgón para a Policía Local quedou deserto por incumprimento dos prazos: a empresa presentou a documentación tres días despois do prazo esixido.

Aprobouse tamén arrendar un inmoble para a cesión do seu uso á Asociación de veciños O Barrio: o contrato ten un custe de 4.675,17 euros anuais ata 2019, facendo un total de 18.700 euros.

Do mesmo xeito, aprobouse un gasto de 55.000 euros en dous lotes para a prestación de servizos postais e notificacións do Concello de Ourense. Un por 25.000 e outro por 30.000 euros.

Tamén se desestimou, por extemporáneo, un recurso presentado por Viaqua contra o Acordo da XGL de 1 de outubro, no que se acordou a reparación da totalidade do colector deteriorado na Rúa Alejandro Pedrosa.

Sistemas de Información

A Xunta de Goberno deu conta tamén da adhesión do Concello de Ourense ao convenio firmado entre a Administración Xeral do Estado (MINHAP) e a Xunta de Galicia para a prestación mutua de solucións no ámbito da administración electrónica.

Tesourería

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de baixa de saldos de exercicios pechados por prescrición colectiva. Son obrigas de pago recoñecidas do exercicio de 2010 que, logo do período de exposición pública, non foron reclamadas e revirten nas arcas municipais: Obrigas pendentes de pago (11.465 euros), Devolucións de ingreso pendentes de pago (9,918 euros), e Ordes de Pago de Conceptos non Orzamentarios (10,024 euros).

Outros asuntos

Finalmente, a Xunta de Goberno deu conta de 5 reclamacións patrimoniais por danos na vía pública. 9 asuntos de diversa índole xurídica que afectan ao Concello de Ourense, e corrixiu dous erros relativos a acordos de colaboración coas AAVV Perímetro Rural e Periferia Miño, así como coa Federación AAVV Limiar.

Te puede interesar