ourense activa

O Concello obtén un millón de euros para fomentar o emprego xuvenil

Jesús Vázquez destaca que a aprobación de Ourense activa supón “un importante paso adiante nun reto fundamental: a promoción do emprego da cidade

O Concello de Ourense ven de acadar máis dun millón de euros de fondos europeos para o desenvolvemento do proxecto “Ourense activa”, destinado a fomentar o emprego entre a mocidade ourensá. O proxecto presentado polo Concello, desde a Concellería de Promoción Económica, Recursos europeos e Formación ocupacional ven de ser seleccionado na convocatoria a nivel estatal realizada pola Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais.

Jesús Vázquez destaca que a aprobación de Ourense activa supón “un importante paso adiante nun reto fundamental: a promoción do emprego da cidade, seguindo a folla de ruta que persigue este goberno municipal, dando resposta ás necesidade da cidadanía deseñando proxectos viables e acadando a colaboración e implicación económica de todas as administracións”.

O Boletín oficial do Estado recolle na súa edición do día 20 de xullo a resolución de aprobación, por parte da Dirección General de Relaciones con las Comunidades Autónomas y Entes Locales, dependente do Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais, da convocatoria 2017 de axudas do Fondo Social Europeo, previstas no Programa Operativo de Empleo Juvenil (Axudas AP-POEJ), destinadas á integración sostible de persoas xóvenes no mercado de traballo, no contexto do Sistema Nacional de Garantía Juvenil.

Nesta resolución apróbase o proxecto “Ourense activa”, presentado polo Concello de Ourense, que ao longo de 18 meses dará formación a un total de 180 menores de 30 anos.

As persoas participantes poderán formarse nalgún dos 7 itinerarios formativos a impartir e que serán complementados con formación transversal. Ademáis, percibirán remuneración económica.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.195.740,00 euros, dos cales 1.098.765,49 euros (91,89 %) correspondería ao Fondo Social Europeo e 96.974,52 euros (8,11 %) ao Concello.

O alcalde, Jesús Vázquez, pon en valor o traballo realizado pola Concellería de Promoción Económica, dirixida por Jorge Pumar, que presentou este proxecto á convocatoria estatal “en tempo récord”, acadando para a cidade “recursos fundamentais para reforzar a promoción do emprego na cidade e de xeito específico entre o sector da mocidade, algo fundamental para este goberno municipal”.

Te puede interesar