DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A cidade acollerá o concerto do Día das Letras Galegas

A Real Filharmonía e o Coro Xove da Orquestra Sinfórnica actuarán no Auditorio o 16 de maio

O Concello de Ourense e o Consello da Cultura de Galicia asinaron un convenio para a celebración na cidade das Burgas do concerto das Letras Galegas 2017, adicadas ao escritor ourensán Carlos Casares. O acordo firmárono onte o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e o presidente do Consello da Cultura de Galicia, Ramón Villares. 

O evento musical será o 16 de maio no Auditorio municipal. A Real Filharmonía de Galicia e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica, que baixo a dirección de Maximino Zumalave interpretarán obras de autores galegos. Como novidade, estrearase a obra "Formiga", de Rubén Vizcaíno, a partir dun texto do libro "A galiña azul" de Carlos Casares, mixturando a música e a literatura. 

O rexidor local invitou aos veciños a achegarse a este concerto.  "O Día das Letras é unha festa para todos os veciños da nosa cidade. Mais aínda é unha festa maior cando serve para poñer en valor e dar a coñecer a inmensa pegada que un ourensán coma Carlos Casares deixou no campo da Cultura en Galicia", destacou Vázquez. 

Neste sentido, o irmán do homenaxeado, Xabier, lembrou o seu legado. "En nome da familia e da Fundación que leva o seu nome agradecemos que dende Ourense, a cidade na que naceu Carlos e na que viviu intermitentemente nalgunhas épocas, se faga un prólogo musical polo Día das Letras Galegas". Xa o 18 de maio, descubrirase unha placa en homenaxe ao escritor, fillo predilecto da cidade, realizada polo escultor Xosé Cid na Praza de Bispo Césáreo. Ademais, este ano o investigador e articulista do xornal La Región Afonso Vázquez-Monxardín deseñou un roteiro literario adicado a Carlos Casares. n 

Te puede interesar