MÚSICA

O OurenRock anuncia “moito máis que un festival de música"

Boikot e La Raíz son os cabezas de cartel da segunda edición do evento, que comeza o venres

 Mantendo a filosofía coa que naceu fai un ano -aproveitando o oco que deixou o Derrame Rock-,  o OurenRock Sound incorpora na súa segunda edición grupos nacionais, pero sen deixar de traer bandas galegas e ourensás. As formacións locais poderán participar no festival a través do Concurso de Bandas Emerxentes, que organiza o propio OurenRock coa colaboración dos alumnos do ciclo de Produción audiovisual e espectáculos da CIFP A Farixa. 

Ao acto de presentación oficial do evento, que se celebrou onte, asistiron o alcalde, Jesús Vázquez; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; Antonio Carballo, representante da empresa colaboradora Estrella Galicia; e Rubén Álvarez, un dos organizadores do evento. Este último salientou a presenza de Boikot e La Raíz neste festival, que arranca o vindeiro venres. "Apostamos por bandas que a nivel nacional son moi fortes, son cabezas de cartel dos demáis festivais que se celebran en España", comentou Álvarez. 

En total, nos dous días de rock que se vivirán en Benposta contarase coa participación de 16 bandas. Algunhas delas presentarán traballos en primicia. É o caso de Zoo, que chegan ao OurenRock co seu novo disco, e de Boikot, que presentarán o seu espectáculo "Jarama". Álvarez, destacou "a oportunidade única de poder ver a tantos grupos por 22 euros", que é o prezo anticipado do abono para asistir os dous días. En despacho de billetes incrementarase ata os 30 euros.

Como novidade, este ano celebrarase a primeira edición da Feira do Viño do Ribeiro Reboreda Morgadio, onde se poderá coñecer, de primeira man, o traballo dos artesáns da alfarería, a arte da elaboración do viño do Ribeiro e os segredos de cocción do polbo, das polbeiras de Arcos. "Trátase dun evento cultural de producción netamente ourensá, que é moito máis que un simple festival de música. É un medio de difusión e divulgación de determinadas expresións artísticas, máis aló do meramente musical", destacou o rexedor.

Ourense, cidade de rock
"Ourense é cidade de rock, e coido que un evento destas características ten que ter cabida na programación cultural desta cidade, pois apoiar o rock é, en definitiva, pensar na xuventude", afirmou a concelleira.

Precisamente ese é o obxectivo dos organizadores do OurenRock: que este festival se convirta nunha cita ineludible no calendario dos mozos festivaleiros. Rubén Álvarez confía en superar os 2.000 asistentes do pasado ano. O recinto de Benposta ten capacidade para albergar a 5.000 persoas.

Os horarios

Venres, 2
Previa ao concerto de Indomables (19,30 horas), haberá unha foliada. A partir das 21,15 horas, tocarán: Outlines, 80 Voltios, Zoo, Boikot, Rebeliom do Inframundo e Insolenzia.

Sábado, 3
Haberá sesión vermú, ás 13,30 horas. Ás 17,15 horas actuarán Ce Orquestra Pantasma e logo Noe Black. Xa pola noite, dende as 20,45 horas, será o turno de Proudhom, Maskarpone, La Raíz, The Skarnivals, Dakidarría e Skandalo Gz. 

Te puede interesar