CULTURA

Un congreso internacional abordará a Xeración Nós

O grupo de traballo para a coordinación da efeméride reuniuse para abordar os principais ámbitos nos que se van desenvolver as actividades

Un congreso internacional abordará a Xeración Nós

As administracións e entidades culturais avanzaron onte en Santiago na planificación da celebración do centenario da Xeración Nós, os intelectuais galeguistas que tiveron en Ourense o seu epicentro. O grupo de traballo para a coordinación da efeméride reuniuse para abordar os principais ámbitos nos que se van desenvolver as actividades

Para impulsar a difusión social da conmemoración do centenario está prevista unha exposición itinerante, que terá especial incidencia no ámbito educativo, xunto con itinerarios culturais. O ámbito dixital tamén terá unha incidencia importante na programación, co fin de aproveitar as tecnoloxías para conservar, divulgar e poñer en valor o legado das principais figuras da xeración Nós. Outro dos eixos centrais da conmemoración será un congreso internacional no que se reflexionará sobre os principais retos e desafíos da cultura galega nos próximos anos. 

Participantes

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anzo Lorenzo e Valentín García, presidiron o encontro, no que participaron representantes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, da Deputación de Ourense, das universidades, da Fundación Otero Pedrayo, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e dos concellos de Ourense e de Celanova, do Centro PEN Galicia, do Museo do Pobo Galego e o Museo Arqueolóxico Provincial.