CULTURA

O Mestre Vide "estrea" muiñeira

O cemiterio de San Francisco foi testigo da primeira interpretación dunha peza musical que Vide compuxo nos anos 30 en Cuba e que nunca vira a luz. Foi unha das sorpresas da conmemoración do seu 125 aniversario 

Carmen e Sara, as netas de José Fernández Vide, só puideron dicir, emocionadas, "gracias en nome de toda a familia" aos presentes na homenaxe ao seu avó, o Mestre Vide, polo 125 aniversario do nacemento dun músico recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras. Autoridades e representantes da cultura reuníronse onte no cemiterio de San Francisco nunha ofrenda floral no panteón do Orfeón Unión Ourensana aos seus directores. Un deles foi o Mestre Vide. A Coral de Ruada puxo a música do acto, cunha sorpresa final. Este recordo supuxo o inicio dunha serie de celebracións que continuarán con máis sorpresas o próximo mes.

"O Mestre Vide forma parte da nosa historia cultural. Con esta iniciativa, Ourense rende homenaxe á vida e a obra dun ilustre ourensán, recoñecendo a súa traxectoria docente e musical", destacou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, durante o seu discurso.

Óscar Ibáñez, o impulsor dos actos do aniversario dun músico que empezou sendo neno de coro e rematou compoñendo recoñecidas pezas en Cuba, presentou unha muiñeira inédita para gaita e tambor de Vide que, precisamente, creou na illa á que emigrou, onde a comunidade galega desfrutou das súas melodías. "É un agasallo e unha estrea mundial que apareceu buceando nas partitutas e é curioso porque non tiñamos presente esa ligazón de Vide coas pezas de gaita, creouse nos anos 30", engadiu Ibáñez.

Os gaiteiros da Escola de Gasitas da Deputación de Ourense interpretou esta partitura inédita, que pechou o primeiro recordo e agarimo ao Mestre Vide. 


Un repaso polas pezas máis destacadas


O musicólogo Javier Jurado, gran coñecedor da figura do Mestre Vide, cerrou os actos conmemorativos de onte cunha conferencia sobre o ourensán baixo o título "Mestre Vide. Vida e obra", que se celebrou ás oito da tarde no centro cultural Marcos Valcárcel e onde se recordaron as principais composicións do músico. Óscar Ibáñez, gran impulsor de todas as actividades do 125 aniversario do nacemento de Vide, recordaba que Jurado coñeceu ao ourensán na súa etapa da Coral de Ruada.  

Te puede interesar