ARTE ET ALIA

Conmemorando a Saco y Arce e Marcelo Macías y García

Saco e arce
photo_camera Aniversario 150 da Gramática de Saco e Arce.

Na sala de exposicións Afundación na Praza maior está esta mostra realizada por Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial, e Avelino Rodríguez

Xúntanse no tempo dúas exposicións biográficas dedicadas a Juan Antonio Saco y Arce e Marcelo Macías y García, unidos polo saber e o culto ao coñecemento. Os dous foron presbíteros en Ourense, mais non coincidiron no tempo, pois Saco, nacido en Alongos/Toén en 1845, morreu en 1881, tres anos antes da chegada de Macías. Este había nacido en Astorga en 1843, e logo de pasar por outros destinos recala aquí, onde se asentou até a súa morte, en 1941 moi velliño xa. Saco foi homenaxeado co gallo dos 150 anos da publicación da Gramática gallega con unha mostra no espazo do claustro sur do IES Otero Pedrayo con documentación variada en vitrinas presidida polo seu retrato, propiedade do centenario centro de instrución pública. No seu desconchado marco hai unha placa de Matías Tundidor, sendo o óleo sobre tela un encargo ao profesor do centro, José María Mendiguchía, quen dende 1889 impartía debuxo. O artista represéntao sen ánima, coa medalla de catedrático no peito e a Gramática á vista, obra publicada en Lugo en 1868, que amosa coa esquerda contra a negra vestimenta de cura e manteo, malia acharse nun interior. Eis a reivindicación do idioma da terra, como o coetáneo mapa de Fontán ensina, dende a fala do pobo galego, que o converterá de novo en idioma literario. No prelo lucense viran a luz os «Cantares Gallegos» de Rosalía de Castro. Os numerosos paneis aos lados do espazo axudan a contextualizar dende a Idade Media a importancia do pai da lingüística galega, poeta e folclorista, nunha acaída mostra de denso contido organizada por Afonso Vázquez-Monxardín, nomeado recentemente académico correspondente da Real Academia Galega.

Marcelo Macías, 175 aniversario do nacemento

Na sala de exposicións Afundación na Praza maior está esta mostra realizada por Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial, e Avelino Rodríguez. Ten unha narrativa moi elaborada, como acostuman, e require un dos seus máis esgrevios fundadores e do Boletín de Monumentos iniciado en 1898. Xa no ano da súa morte crease no museo o Grupo de colaboradores co seu nome, que continúa. Historiador, epigrafista e numismático, gran orador sacro, xubilouse do Instituto en 1901, e foi tamén profesor da Escuela de Artes y Oficios e o Seminario. Está enterrado no máis alto do cemiterio de San Francisco, mirando cara o alto de Montealegre, onde loce a cruz que substitúe á proxectada por el e os da Comisión de Monumentos en 1892. Baseada na escocesa de Ruthwell, e malia ser costeada por subscrición popular a incultura e a terxiversación fíxoa voar cun anónimo estoupido. A medalla gravada por Asorey en 1917 testemuña a homenaxe multitudinaria que culminou o recoñecemento como fillo adoptivo da cidade. A ara á deusa Diana, do castro de Louredo en Mugares (Toén), moedas, o flageolet que tocaba, obxectos persoais como o cáliz, o seu busto, o título de fillo adoptivo de Galicia en 1925 ou o retablo do oratorio particular da casa, que vimos no Couto cando Mª del Socorro Alonso Martínez-Risco, son pezas que se exhiben aquí, propiedade dos herdeiros ou doadas. 

Te puede interesar