A conservación do granito e os seus avances, en Parada

2016-10-22-photo-00000010_result
photo_camera Un momento do curso que se celebra nas dependencias da Fábrica da Luz, en Parada de Sil.

O biodeterioro e a prevención son outros focos dun curso con medio centenar de participantes

Parada de Sil acolle este fin de semana o curso "Alteración, análisis, prevención e tratamento do granito", que está dirixido por Carmen Gómez Feigo e Gonzalo Buceta Bruneti. Coas matrículas completas (52 inscritos), participan investigadores, científicos, profesionais vencellados ó mundo da pedra e o arte e estudantes de toda a Península.

Trala xornada de inauguración do venres, onte abriu o día Teresa Rivas, docente na ETSE de Enxeñaría de Minas da Uvigo, que detallou os últimos avances nos tratamentos de conservación do granito. Despois, María Eugenia López –profesora na Escola de Enxeñaría Forestal da Uvigo– explicou os efectos do biodeterioro, un inimigo natural da conservación da pedra.

Pechando o día, Fernando Carrera e Cristina Montajo, profesores da Escola Supeior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, centraron as súas charlas nas accións preventivas e nos materiais que se están a empregar no traballo do granito.

A iniciativa desenvólvese na Fábrica da Luz de Parada de Sil, concello que prestou o seu respaldo decidido, convencido de que “a aposta que dende hai anos vimos facendo pola cultura resulta un investimento rendible económicamente e sostible no tempo”, segundo explicou o exalcalde e actual concelleiro de Cultura, Francisco Magide.

Pechando o curso, Eduardo Breogán e Gonzalo Buceta protagonizarán hoxe unhas intervencións centradas na recuperación da necrópole medieval de San Vítor de Barxacova. Un xacemento que visitarán despois os cursillistas, antes de coñecer o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e pechar a fin de semana nunha adega local. 

Te puede interesar