literatura

Craig Patterson: "A tradución ao inglés de obras icónicas do galego é un orgullo"

local12-archive-2012-04-15-img_4141_result
photo_camera Craig Patterson, en Ourense, durante a presentación de "On a Bender", en 2012.

O tradutor e investigador Craig Patterson, especializado na cultura galega, volve á cidade despois de publicar "On a Bender". Desta vez, presentará no Liceo, o venres ás 20,00 horas, "Forever in Galicia", a tradución da "Sempre en Galiza" de Castelao.

Hai un par de anos que Cibrán, O Bocas e Milhomes, personaxes de "A Esmorga" de Blanco Amor, "aprenderon" a irse de borracheira en inglés. O tradutor e investigador Craig Patterson, especializado na cultura galega, volve á cidade despois de publicar "On a Bender", a adaptación da novela homónima do escritor ourensán. Desta vez, presentará no Liceo, o venres ás 20,00 horas, "Forever in Galicia", a tradución da "Sempre en Galiza" de Castelao. O evento enmárcase nunha gran xira galega da editorial Boutle, a firma que leva o nome dun mecenas inglés de Cornualles, Clive Boutle, que hai tempo decidiu pasar ao idioma inglés as obras máis icónicas da literatura galega. Ningún tiña vinculación previa coa nosa terra.

Como chega á literatura galega?

Porque fun daqueles que estudiou Hispánicas en Reino Unido e optei por especializarme nesta lingua. Fixen unha tese de Otero Pedrayo, "O devagar da idea", a primeira en inglés sobre Otero e un dos poucos libros sobre el. Sempre fun consciente de que os que estamos comprometidos con Galicia, sendo inglésfalantes, atopamos así unha maneira de promover a identidade galega. Con Castelao quería algo ambicioso e "Sempre en Galiza" saiu na primeira idea.

Por que?

É un libro moi particular, o ensaio  por antonomasia da memoria histórica galega, un relato alternativo da Península Ibérica. Empecei no 2003. A tradución non se estima moito en Reino Unido agora, co tema do Brexit, tampouco no sistema universitario. Eu fun a contracorrente pero estiven empeñado en rematalo, hai dous anos.

A súa vinculación con Galicia é unicamente profesional?

Si. Non teño ningún parente. Cheguei con amigos cando estaba de Erasmus en Salamanca. En tres días non choveu nada e o primeiro día, no Obradoiro, algo pasou en min que me namorei doutro país. Foi un frechazo que cambiou o rumbo da miña vida.

E quedou?

Non, estaba investigando en Reino Unido, pero viña cinco ou seis veces ao ano a Galicia. Hai cinco anos optei, por morriña, e por outros motivos, vivir aquí. Deixei o mundo universitario alí porque o vin en decadencia, era moi comercial, baixaban os estandares de ensino. Atopábame máis cómodo en Galicia e fíxenme tradutor autónomo. Galicia foi a cousa máis importante da miña vida e cambiouna completamente, varias veces. Foi case coma un poder sobrenatural: "Vas vivir aquí e vas falar galego". Non sei explicalo.

E os galegos que atopou, cal é a súa percepción de como viven a cultura e o idioma?

O discurso cultural na comunidade galega non está mal, pero como en todos os países, ten luces e sombras. Hai mafias políticas, xeográficas... É un discurso que ten que madurar.

Que aporta "Forever in Galicia"?

A min moito traballo. É un libro que aporta a sensación dun home profundamente namorado da súa terra, non sen fallos, pero entregado. Que busca vivir en paz en Galicia. A metade do que di Castelao aínda é relevante. O desprezo ca lingua do país. "A Galiza que soñou Castelao non chegou aínda", estou de acordo coa Fundación Bóveda nestas palabras. 

Consigue transcender a historia para un público anglosaxón?

Cando se pasa unha obra icónica en lingua minorizada como a galega, a un idioma dominante como o anglosaxón, é un espello. Os habitantes do país orixinal, Galicia, acaban con orgullo de que se noutro idioma con outro "nivel", vexan que é importante. Síntense escoitado no mundo.

E Clive Boutle, o editor, como chegou a conectar coa literatura galega?

É de familia cornuallesa, que ten a sua propia lingua, celta por certo. Ten esa sensiblidade con outras linguas, neste caso o galego.

Te puede interesar